Berce de músicos cun histórico pasado

Centro neurálxico da parroquia de Ribadeume, O Campo continúa agochando moita historia, esa que deixaron os seus antigos poboadores e os máis recentes, que situaron este recuncho no mapa grazas á súa paixón polas melodías.

O barrio do Campo, na parroquia pontesa de Ribadeume, agocha moita historia, que se remonta, segundo confirman os veciños de máis idade, a épocas moi antigas. Baixo as terras deste singular lugar apareceron diferentes obxectos de cerámica e outros achados, o que fai pensar que hai miles de anos este puido ser un asentamento castrexo. Hai tamén un sarcófago paleocristián, que aínda permanece intancto e en moi bo estado ao pé da igrexa.

Na época medieval, tal e como se recolle en diferentes libros, esta parroquia, que hoxe pertence ao municipio das Pontes e que conta con 15 entidades de poboación, entre as que se sitúa como centro neurálxico O Campo, era coñecida polo nome de Rippa de Eume e outras nomenclaturas que foron evolucionando co tempo.

Pero de volta ao pasado máis próximo, este barrio ten tamén unhas particularidades que o fan especial por moitos motivos. Foi aquí onde naceu a primeira banda do municipio, converténdose no berce de importantes músicos que situaron a Ribadeume, e por extensión ao Campo onde se celebraban os ensaios, no mapa.

Comentarios