Barrigas para O Apalpador

O Apalpador, tamén coñecido co nome de Pandigueiro na comarca Terra de Trives, é un carboeiro que segundo a tradición baixa a noite do 31 de decembro da montaña para tocar a barriga dos nenos e comprobar se comeron ben durante todo o ano. O Apalpador deixalles ós cativos un montón de castañas quentes e, se cadra, algún agasallo para que teñan un bo ano.

A figura do Apalpador é propia da montaña lucense, especialmente do Courel ou do Cebreiro, pero caeu no esquecemento coa chegada de Papá Noel e as súas intensas campañas publicitarias.

Cada día son máis os colectivos e as personas que traballan para recuperar o Apalpador e este ano no colexio da Gándara de Monforte non recibiron a visita de Santa Claus, pola contra, foi o carboeiro o que baixou dende a montaña para presentarse ante os cativos. A visita foi o colofón a una serie de clases nas que os pícaros se familiarizaron con esta figura, totalmente descoñecida para eles, pero que, segundo apuntaron, permanecía na mente dos seus avós.

A tradición do Apalpador foi recollida polo investigador José André López González e ten certa conexión con outras figuras coma o Olenzero do País Vasco ou o Pai Inverno de Eslovaquia ou Rusia. Algúns expertos cren que estes personaxes teñen unha orixe precristiana e que no seu momento eran moi populares nun territorio máis amplo ca o actual.

O artista Leandro Lamas foi un dos primeiros en poñerlle cara ó Apalpador nunha imaxe publicada nun folleto que editou a asociación compostelá A Gentalha do Pichel, unha das primeiras en traballar pola figura do carboeiro.

O ano pasado o debuxante Xoán González Otero escribiu e deseñou o primeiro conto infantil en cor baseado nesta tradición de Nadal. A obra foi publicada pola editorial Biblos e presentouse ó público na Festa da Pisa que se celebrou en decembro do 2009 en Froxán, O Courel.

O Apalpador tradicional é un home de gran tamaño, mal vestido e de aspecto desaliñado. No seu conto, Xoán González Otero, apostou por suavizar as súas formas e presentar un Apalpador máis próximo ós cativos.

Cada ano son moitos os centros escolares e as asociación que organizan actividades para os máis pequenos nas que O Apalpador toma protagonismo. A idea de todas esas iniciativas é recuperar esa parte do patrimonio inmaterial galego.

Comentarios