A las barricadas

HANME permitir vostedes que comece hoxe facendo unha reflexión que non sexa de carácter biográfico ou persoal senón política e social. Tras a sentencia xudicial referente ao afundimento do Prestige, só podo concluír que este país necesita unha limpeza que só pode atopar os seus referentes na literatura clásica, naquel traballo de Hércules que consistía en limpar nun día as cortes de Augías, que estaban cheas dun gando ao que os deuses outorgaran inmunidade contra as enfermidades. A cantidade de esterco era tan enorme que semellaba imposíbel facelo, pero o heroe desviou un par de ríos por medio dun canal e a auga arrastrou a merda.

Como din diversas webs humorísticas, os xuíces están entre condenar ao mar ou ao barco. Algunhas portadas supoñen un insulto para o pobo galego. E no colmo da confusión, atopo aos meus comentaristas preferidos: os que mesturan a sentencia que abolía a doutrina Parot (unha aberración xurídica ata para un profano e unha mostra da miopía da caste política da Transición), tomada por un tribunal con moitos maxistrados de xeito aséptico con estoutra, que semella ser unha mostra máis da incapacidade do sistema xudicial español para darlles resposta ás demandas dos cidadáns.

Iso si: o recurso á moralidade por riba da lei igualao todo a nivel rúa, e tan contentos.

Todo isto cáeme no medio dunha lectura que non resulta precisamente entretida pero si moi instructiva, sobre todo á hora de que estas Gotas cheguen a ter unha liña editorial en base aos comentarios dos seus discretos lectores. Hai unhas semanas defendemos o Estado de Benestar e un par de atentos lectores sinalaron a relación destas políticas co «ben do Imperio», en palabras de Fontana. Nun breve apuntamento déuselles a razón parcialmente. Agora, coa lectura de ‘Transformar el mundo’, de Neil Davidson e publicado pola imprescindíbel editorial Pasado & Presente, ábrense novas vías para o debate, que van máis lonxe do marco posterior á Segunda Guerra Mundial.

'Transformar el mundo', de Neil Davidson Unha primeira apreciación que hai que facer sobre a obra é a de que se enmarca dentro da tradición historiográfica do marxismo inglés. Os menos atraídos polo asunto sorprenderanse da puxanza do PCGB, pero o comunismo british deu algún dos mellores productos intelectuais do século (a triloxía de Hobsbawm sobre o século XIX e, sobre todo, ‘La formación de la clase obrera en Inglaterra’ de E.P. Thompson, recentemente publicada en España por Capitán Swing. Isto sen esquecer as marabillosas historias de espionaxe de Kim Philby e, sobre todo, Anthony Blunt: espía comunista dirixindo a Pinacoteca persoal da raíña.

Davidson, por desgracia para o lector, non conta co verbo fácil do recentemente finado Hobsbawm e pon nas nosas mans un ensaio de enorme interese pero de linguaxe críptica para o non iniciado e dunha complexidade que en verdade contrasta, por exemplo, coa obra de tema similar de Antonio Escohotado que aparecía por aquí hai un mes. A pesares de todo, a asombrosa erudición do autor remata por compensar a aridez dalgunhas partes, e iso que nalgúns puntos sorprenden as decisións metodolóxicas tomadas.

Se tomamos (eu fágoo) a Kolakowski como referente do estudo da historia do marxismo, sorprende que o que para o autor polaco é «o fracaso» para Davidson sexa «o marxismo clásico». Dende un punto de vista profano, resulta difícil defender o clasicismo dunha corrente corenta anos despois do pasamento do seu principal teórico.

Tamén é complicado resumir nunhas poucas liñas as teses do autor. A obra destaca máis polo analítico que polo programático (como debería suceder en todos os libros deste tipo e non sucede decote). Malia todo, a fondísima análise do concepto de «revolución» (neste caso sen o adxectivo «burguesa», problematizado ao longo do traballo) permite extraer unha conclusión: a pesares do final da era das revolucións burguesas -constatábel-, aínda poden existir camiños que se afasten do capitalismo neoliberal. Podemos chegar ás barricadas.

De feito, volverei sobre o Estado de Benestar para explicarme. Os meus lectores ‘don cicuta’ expuñan a teoría clásica de que o estado de benestar foi un invento dos Aliados para deter o comunismo e as súas vantaxes sociais.

Pero se asumimos (e podemos facelo) que unha das razóns para o fracaso das revolucións era a falla de condicións axeitadas, ou sexa, a ausencia dun proletariado ergo dunha burguesía (evidente na Rusia zarista e precapitalista), atopámonos ante a paradóxica posibilidade de que a revolución só sexa posíbel nunha sociedade semellante á actual. Perspectiva teórica alomenos ilusionante, dadas algunhas das situacións antes comentadas, pero que acaba por non semellar moi ancorada no noso día a día.

Pasado o «marxismo clásico», Davidson afronta as críticas revisionistas, que dan pé a desmontar parte das simplificadoras teorías de Popper ou Hayek e mesmo a tratar de responder se é posíbel pensar aínda na revolución permanente no hemisferio sur, mesmo con excursións ao modelo híbrido cara o que parece camiñar a xigantesca economía chinesa, disposta a utilizar polo que se ve a estratexia de portos abertos... de regreso ao século XIX, malia que sen o encanto dos ‘55 días en Pekín’.

As cousas non andan tampouco demasiado ben a este lado do Paraíso capitalista. E visto que non acabamos de atopar moitas solucións na Xustiza nin (risos enlatados) na política. Así que unha alternativa é, como xa dixemos, a das barricadas, aínda que só sexan ideolóxicas e literarias, como as que ocupa Neil Davidson coas súas obras.

Transformar el mundo

Neil Davidson. Pasado & Presente. 960 páxinas. 39,00 euros.

Comentarios