Barreiros última a posta en marcha da depuradora de Celeiro de Mariñaos

Melloras. O Concello desenvolve obras na rede de abastecemento de auga

Fuente Parga visitou as obras acometidas na depuradora de Celeiro de Mariñaos
photo_camera Fuente Parga visitou as obras acometidas na depuradora de Celeiro de Mariñaos

E STES DÍAS estanse a realizar as últimas probas para a posta en marcha da depuradora de Celeiro de Mariñaos, no concello de Barreiros, que segundo as previsións entrará en funcionamento en breve. O investimento realizado nesta infraestrutura ascende a 1 millón de euros.

O alcalde barreirense, Alfonso Fuente Parga, visitou as obras hai uns días e asegurou que "cando entre en funcionamento a depuradora evitarase que a auga da traída saia turbia, como acontecía cando o río baixaba revolto, por choivas ou por obras no seu cauce".

A depuradora de Celeiro de Mariñaos amplía a capacidade de produción de auga potable e tamén aumenta o depósito de cabeceira. "Tiñamos un depósito de 900 metros cúbicos e agora xa contamos cun de 2.000 metros cúbicos", subliñou o rexedor na recente visita cursada a esas instalacións.

Fuente Parga visitou as melloras executadas na traída de auga na zona de PumarínO Concello de Barreiros vén ademais de rematar as obras executadas na traída da auga na zona de Pumarín.

Alí substituíuse máis dun quilómetro da vella rede de fibrocemento, na que se rexistraban avarías con certa frecuencia.

O alcalde, Alfonso Fuente, e o concelleiro de Obras, Lorenzo Penabad, supervisaron recentemente estes traballos, que segundo as previsións do goberno local rematarán proximamente, unha vez rematada a reposición do firme.

O alcalde de Barreiros sinalou que "esta era unha obra que estaba dentro da adxudicación da depuradora. Era unha mellora igual que a que se fixo en Benquerencia, desde a N-634 ata Agolada, e agora substituíuse esta. Eran dúas traídas moi importantes porque á parte de ser en fibrocemento, producíanse moitas avarías nesa zona e moitos cortes no subministro".

Fuente Parga subliñou "continuamos traballando nesa mellora da rede de abastecemento para ofrecer os mellores servizos aos nosos veciños e veciñas".