Barreiros e o poder curativo das súas augas

Xesús Seivane herdou a fonda do Bar Moderno á que seguen vindo veraneantes a relaxarse, beber dos mananciais e darse saudables baños
Seivane cunha foto da avoa
photo_camera Seivane cunha foto da avoa

O VÍNCULO de Xesús Seivane Vázquez co Café Bar Moderno remóntase ao ano 1934, cando os seus avós –Antonio e Albina– decidiron crear unha fonda en Barreiros para que a xente que viña aos baños tivera un lugar cómodo onde descansar. Oito décadas despois, o seu neto segue á fronte dun local que é unha referencia no concello, e no que todos os que pasan son sempre ben recibidos.

En pleno século XXI, o Café Bar Moderno segue mantendo a esencia dun local familiar, onde o trato próximo é a máxima, e onde é posible desconectar do traballo e relaxarse sen tecnoloxía polo medio –non dispón de wifi para que os seus clientes deixen o estrés e se comuniquen máis entre eles–.

Recordando as orixes deste establecemento, Seivane sinala o por qué do nome: "En 1934, meus avós puñeron unha cafetera, que era unha cousa moi moderna para aqueles anos. E de ahí saíu". A modernidade tamén veu porque no intento de transformar a fonda de toda a vida nun local para turistas, os seus avós decidiran ofrecer pensión completa aos hóspedes a un prezo de sete pesetas, todo un avance naqueles anos.

Naquela época, os coñecidos como "panameños" –veraneantes–, achegábanse ao establecemento en agosto e setembro co obxectivo de recuperar forzas. "Bebían auga do mar e dos nosos mananciais, que dicían que tiñan moitas propiedades curativas, e gozaban das praias do concello e das súas fragas", matiza, xa que recuperar esa sona menciñeira das augas barreirenses é o seu reto.

Máis aló do seu negocio, Seivane é quizáis o principal divulgador da cultura e patrimonio de Barreiros

Os seus pais, María e Pancho tomaron o relevo, mais seguiron mantendo a esencia do Café Bar Moderno. E despois deles, chegou á terceira xeración, a de Xesús, que tras rematar os seus estudos, proseguiu co negocio familiar na compaña da súa parella, Montse, que lle axudou a facer do Café Bar Moderno un bar de amigos.

O seu fillo Francisco tamén se adica a esta profesión, "na rama de paradores".

A día de hoxe, son moitas as persoas –netos e bisnetos daqueles primeiros veraneantes do Bar Moderno– os que descansan neste establecemento. Durante as súas estancias, nas que moitos seguen pasando todo o mes de agosto neste local, ao igual que facían os "panameños", veñen a desconectar e a "cargar as pilas". Nas conversas "lembran anécdotas de cando viñan de pequenos".

CICLOTURISMO. Máis aló do seu negocio, Seivane é quizáis o principal divulgador da cultura e patrimonio de Barreiros. Por exemplo, a través do ciclismo. Creou o Club Ciclista Barreiros en 1993 e cada 25 de xullo os membros deste colectivo achéganse ata Compostela polo Camiño Norte na bici.

En 1998 involucróuse na creación da Aciam barreirense, para dar un impulso ao comercio local e favorecer a riqueza do concello. Algo que, case vinte anos despois, segue facendo coa asociación sendeirista Mar e Monte, coas visitas ás granxas ou a lugares como "os pombais, os cabozos, os castros ou os lavadoiros" da localidade.

Comentarios