Por que beben a caneiro cheo os concelleiros gobernantes en Ourense? A oposición conservadora viu a maneira de quitalos do poxo filtrando á imprensa facturas crecidas que parecen probar unha sorprendente predilección dos socialistas locais polo xintónic. Distinto sería que fixesen gasto en certa viñoteca da rúa Colón onde despachan magníficos tintos e brancos das cepas provinciais (de Valdeorras, Monterrei, Ribeiro ou da Ribeira Sacra pola banda auriense). Podendo enviar viños extraídos de acios de treixadura, brancellao, godello, etc, optaron seica polo cosmopolitismo da xenebra e da auga tónica. A xenebra obtense destilando bagas de cimbro e ben cimpróns (torpes, en dialecto ourensán) han de ser aqueles que non gustan máis da destilación do bagazo, da augardente soa ou en compañía de cecimbre ou café. Que os cimbróns (borrachazas) municipais dunha cidade onde se bebe de sempre herbas ou licor-café, escollan para os seus botellóns privados e financiados con dietas alcooles exóticos, mostra ata que grao de alienación chegou a política galaica. Pero aínda non contestan á pregunta: por que beben? Para esquecer que as industrias nosas foxen a Bangladesh en procura de man de obra barata e sen que Europa nos defenda con aranceis? Porque non dá chegado o crédito prometido para inflar outra volta a pompiña inmobiliaria? Polas barbas tristes de Rubalcaba?
Buscar
Más en Noticias
Noticias
España vive temperaturas bajo cero mientras que Galicia afrontará una jornada de transición
Redacción
23/abr./24 18:21
Noticias
Dani González asinou un hat trick para apertar ao Outeiro na clasificación
Redacción
21/abr./24 22:46
Comentarios