Bares, que lugares

Vén de publicarse un libro de Antonio Bonet Correa titulado ‘Los cafés históricos’. Estes son lugares que se van asociando, co paso do tempo, a figuras ilustres das letras ou da política e as tertulias que neles se organizaron. Teñen o mérito de sobrevivir aos avatares da xestión da propiedade ou da especulación urbanística que, a miúdo, puxo os ollos nas súas estratéxicas localizacións. Un dos cafés máis emblemáticos en España é o Gijón, no Paseo de Recoletos de Madrid. Hai tempo lin que pasaba por apuros económicos e tivo que reorientar a liña de negocio. Supoño que noutras cidades acabará por suceder o mesmo; entre outras cousas porque poetas e artistas sempre foron xente de poucos posibles e dubido que estean dispostos a pagar hoxe en día os cinco ou dez euros que pode custar unha taza de café nos clásicos de Europa.

Pero o visitante ocasional non pode ir a París sen pasar polo Café de la Paix, a carón da Ópera, ou o Deux Magots, no Barrio Latino; forman parte da historia e da simboloxía da cidade, como ocorre coa Torre Eiffel. Non hai metrópole europea que non teña algún destes emblemáticos lugares, por non falar de Viena onde cada un destes locais foi elevado á categoría de arte. Debo confesar que por un tempo tiven envexa de Paco Vázquez, mentres estivo en Roma como embaixador, porque nada máis saír da casa tiña o Caffè Grecco, que aínda garda cartas que escribiu alí xente como María Zambrano. Non podo acabar sen deixar de referirme con especial agarimo aos cafés portugueses. Hai tantos como en España, ou máis, e case todos teñen un bo surtido de repostería, o que non deixa de ser un misterio para min, xa que non vexo tanta xente obesa polas rúas.

Non se pode ir a Lisboa sen sentar na Brasileira, no Chiado, onde se pode alternar coa estatua de Pessoa (aínda que para degustar unhas boas pastas é mellor ir á competencia, xusto ao lado). O Majestic, na rúa Santa Catarina en Porto, é unha boa alternativa; está tan preto de Galicia que mesmo da tempo a ir alá, tomar a consumición e volver para a casa; despois de todo, é un plan máis razoable que o dun colega meu de Ourense que un día tivo un antollo, colleu o coche e foi a Alicante a comer unha paella e volveu para durmir na casa, ou o dos que saíron de copas unha noite en Compostela e foron ‘tomar a última’ a Salamanca; coñezo máis dun. Pero non hai que ir lonxe para atopar esa atmosfera especial que en Galicia ten nomes como Café Centro, Latino ou Derby. Ou tantos outros que non están nos libros pero nos que, moitas veces os propios donos que os atenden, nos dan unha benvida persoal; non só preparan unha consumición ao gusto de cada cliente, senón que han ofrecer algunha lambetada e, como non, un xornal.

Eu gusto particularmente dos establecementos que teñen unha ampla selección da prensa diaria; cando din que os xornais en papel levan camiño de desaparecer, penso que sempre haberá que imprimir algúns exemplares para ter nos bares e cafés porque mesmo hai quen gusta de mercar o seu propio exemplar para ir lelo ao bar, por mor de compartir as noticias e, por que non, encetar unha tertulia, de vagar, aínda que non sexa para facer historia en ningún libro.

Comentarios