Barcos e avións

NON HAI MOITO, NUN XORNAL galego aparecía unha reportaxe sobre o dirixible alemán 'Graf Zeppelin', que sobrevoou Galiza en varias ocasións entre os anos 1929 e 1932. Un interesante traballo ainda que nos cabe a sospeita dunha lixeira confusión, non sobre o feito en si e as datas, senón en relación coa afirmación de que no alerón traseiro lucia a bandeira nazi, cando o partido de Hitler non chegaría ao poder até 1933. Si é certo que a cruz gamada figuraba no 'Hindenburg', que foi posterior, e quizais de aí proveña o erro. Pero o que compre destacar é o enorme interese que tanto os dirixibles como a aviación de aquel tempo subscitaban.

No norte da provincia de Lugo, anos despois, as operacións da guerra civil, no que era a retaguarda costeira, tiveron grande impacto dada a sua actividade até a ocupación total de Asturias por pàrte do bando franquista, xa que as rías ofrecían enormes posibilidades para as manobras dos barcos de guerra que operaban desde Ferrol repasando a costa asturiana para garantir o bloqueo dos portos que ainda permanecian no bando leal. Nuns casos tratábase de abastecemento ao abeiro dos estuarios e noutros constituian bases fixas, como sucedeu co porto de Ribadeo, que acolleu a escuadra de 'bous', pesqueiros de altura armados cun ou dous canóns a proa e popa e frecuentemente unha ametralladora. Estas embarcacións levaban a cabo labores de patrulla xunto a barcos de mais porte, como o cruceiro 'Almirante Cervera', e algúns destrutores e torpedeiros. Dada a pouca autonomía dos bous, as entradas e saidas do porto ribadense eran frecuentes e, igualmente, foron numerosos os mercantes obrigados a entrar logo de ser apresados con fuxidos. Claro que ás veces a intervención dos barcos ingleses, que formaban parte dos servizos de vixilancia do acordo de non intervención, frustraban a operación, como sucedeu co vapor 'Stangrove' cargado de refuxiados e apresado, pero que houbo que liberar mercé á intervención do cruceiro británico 'Southampton'. De todos modos o da non intervención nalgunha ocasión era compatible cos labores humanitartios, coma neste caso, pero en certa medida tratábase dunha ficción favorable ao bando sublevado, xa que mercantes alemáns escoltados por submarinos aprovisionaban aos franquistas de material de guerra.

Con todo, para os ribeireños da Ría de Ribadeo o máis espectacular debeu ser o sonado hidroavión 'Virgen de Chamorro', un Fairchild 91 fabricado nos Estados Unidos, cunha envergadura de 17 metros, 14 de lonxitude e 4.5 metros de altura, segundo nos informa o noso amigo Xavier González-Miró, que se ten ocupado da historia deste singular aparello. Formara parte dun cargamento de armas e de sete avións transportados polo mercante 'Mar Cantábrico', fretado polo goberno republicano, que fora apresado polo cruceiro 'Canarias' e conducido a Ferrol. Pero embarrancou en Mugardos e declarouse un incendio do que se salvou, entre outros, o único avión anfibio, que foi destinado pola Armada do bando nacional a Ribadeo.

Comentarios