Barbearse asubiando

ESTA MAÑÁ, mentres me aseaba e mesmo algo despois, andei a cantar, ou a asubiar —polo baixo, claro, que ben sei que non teño dereito ningún a martirizar os oídos dos demais—, o ‘Grândola, vila morena’. Claro que, como non se lle escapa a ninguén, non foi precisamente hoxe cando fixen esta columna pero sei que, de non haber novidade seria, así terá que ser dado que levo xa unha chea de anos en que cando chega o 25 de abril enceto os labores do día coa cantiga do Zeca Afonso dando voltas pola miña cabeza sen que eu faga nada ao adrede por traela.

Hai outras músicas para outros días e volven tamén puntualmente cando lles corresponde de xeito que pasaron, coma quen di, a formar parte xa do almanaque polo que imos controlando o paso do tempo —cada vez máis veloz, por certo— e, se cadra, cando chegue o momento, falaremos tamén delas.

Estou convencido de que isto é algo que lle sucede a moitísimas máis persoas por distintas causas e en diferentes ocasións, como é lóxico. Son melodías desas que se din pegadizas —ou que un acaba por facelas así a poder de repeticións— que poñen en marcha lembranzas, emocións e sentimentos que a min, no día de hoxe, lévanme até o Portugal de 1974 e a aquela incruenta ‘revolução dos cravos’ pola que aínda sinto unha especial simpatía, se cadra motivada en parte pola nostalxia do tempo ido e as cores románticas dun feito histórico realmente singular.

Diráseme, e con razón, que non debe un deixarse levar nas ás da memoria mitificadora polo moito que iso ten de enganador, pero a imaxe das rapazas lisboetas enmudecendo con fragrantes caraveis a boca de fogo dos fusís, a dos amedrentadores tanques respectando a luz vermella dos semáforos, a dos saúdos festivos entre a xente polas rúas seguen aínda nidias na lembranza, e tamén nas reportaxes da televisión. Se mesmo andara algo metido en todo aquilo un bizarro xeneral de monóculo e consoante líquida no apelido...

Ou sexa que se hoxe se me descubre algunha rabuñadura na cara xa deixo avisado que non é nada grave, que ma debín facer esta mañá ao asubiar mentres me barbeaba.

Comentarios