Martes. 25.09.2018 |
El tiempo
Martes. 25.09.2018
El tiempo

As barbas a remollo

No prazo de poucos días podemos ver no cine dúas películas sobre o enfrontamento entre americanos e islamitas: ‘La noche más oscura’, sobre a captura de Bin Laden e ‘Argo’, sobre a crise dos reféns en Teherán. A maiores, para os que non queiran desprazarse ou gastar cartos en entradas, poden ver en televisión, case en tempo real, o desenlace doutros dous enfrontamentos contra o radicalismo islámico, o secuestro na planta de gas de Alxeria e a guerra en Malí. Despois de décadas de preparativos para o enfrontamento cos rusos, e un breve intervalo no que mesmo se pensou que xa non facían falla os exércitos, Occidente xa ten un novo obxectivo militar. Isto ocorre xusto vinte anos despois de que o profetizara un académico americano, Samuel Huntington.

Esa tese foi criticadísima porque a traxectoria deste señor non era exemplar e porque a súa teoría semellaba ser o soporte perfecto para as ansias imperialistas norteamericanas e a súa industria bélica, en busca de inimigos despois do derrube soviético. Pero o tempo e as circunstancias, acabaron por darlle parte de razón a Huntington. En primeiro lugar porque o ataque ás torres de Nova York demostrou que os islamitas non eran un fato de alucinados desorganizados, incapaces de ameazar á maior potencia bélica do mundo, pero tamén pola súa explicación de que a loita deixaba de ser política e pasaba a ser un enfrontamento entre culturas.

Dalgún xeito, mujahidíns e salafistas acaban por confirmar os peores estereotipos orientalistas. Teñen usos e costumes que se afastan do que entendemos como sentido común e dereitos humanos. Estes días comezaron a aplicar en Malí o que eles chaman lei islámica; sen maiores preparativos sanitarios, coa simple presenza dun matachín, xa fixeron as primeiras amputacións de mans aos ladróns. En Pakistán e Afganistán o seu empeño vai por tirotear ás nenas que asistan á escola. Entre unhas cousas e outras, teñen como pasatempo destruír os monumentos de época preislámica.

Algúns pensaron que este conflito ía quedar nas remotas terras de Oriente, e que deixaría de afectarnos unha vez que abandonasemos Kabul. Porén, non hai máis que mirar o mapa para decatarse que desde a costa valenciana, Alxeria está a tiro de pedra ou, de ser o caso, a tiro de canón; Malí queda máis lonxe, pero se as milicias chegan a Mauritania, como sería previsible, xa estarían asomadas ás Canarias. Os contrarios á proliferación nuclear dicían hai anos en Alemaña «better red than dead» (mellor ser roxos que estar mortos), lema co que podo estar de acordo. Pero se o inimigo é un barbudo talibán desaparece o pacifista que levo dentro.

As barbas a remollo
Comentarios