Bar Cenas

AÍNDA estamos na lúa de Febreiro; debe de ser por isto que aínda é antroido. Por iso me será permitido pór un título que non se corresponde con nada do escrito. Eu tamén son sensíbel ao tabú que impide ao señor Rajoy citar o que é responsábel no presente do maior escándalo financeiro protoganizado por persoa física. E, ademais, eu tiña que chamar pola xente*.

O contemplado no debate sobre o estado do Estado, días pasados, é a mellor escenificación do que noutras ocasións denominamos estado de shock ou, en lingua normal, aborrición.

Lembremos que en galego estar aborridos denomina un estado anímico próximo á desesperación que non ten tradución, ao mesmo vocábulo, noutras linguas romances.

Só por estar completamente fóra de xogo se pode explicar que o percurso do debate permita saír airoso a quen tiña que dar contas do económico, do político, do institucional e máis do partidario. Só ese estado do ánimo e da anulación da capacidade de reaxir, por parte da oposición, pode dar a aparencia de que aínda hai senda a percorrer pola vía dos recortes. Malia a hora en que o señor Presidente tivo que cotexar o seu discurso coas palabras da señora Merkel. A señora Merkel declarou, horas despois do discurso en Cortes, que na situación monetaria actual e futura, as medidas de axuste do Sur de Europa serían igual que xeo ao sol. Para salvar o euro, millor dito, para que o euro permaneza nunha franxa de 1,30-1,40 euros por dólar, van acabar con nós. E acabarán sendo coñecedores de que tal sacrificio non valeu nen para os seus intereses. Para os nosos, xa sabíamos antes que eran unha ruína conseguida mediante unha ruindade.

A situación económica apiorou considerabelmente no último ano. O escandaloso aumento do paro xa sería suficiente para manter en lóxica económica esa afirmación. Pero sen deixar de temer pola chegada de máis axustes, pode ser que o único componente da economía que parecía mellorar, o valor das exportacións, pode verse perxudicado pola teimuda permanencia dun euro forte (o do Banco Central Europeo) e dunha economía abaixada, diminuída, desvalorada (a española suxeita a axustes). O euro forte é perxudicial para o bon desenvolvemento no mercado mundial das exportacións españolas. Case toda Asia pode producir e vender no mercado mundial con salarios máis baixos que os españois e a estratexia para competir con eles non vai ser abaratar aínda máis os salarios españois. Até onde teremos que baixar para ser como os chineses? Ben, nível de vida á parte, cultura á parte, historia á parte, que a mín góstame a miña, teño xa unha certa acomodación, dicía que deberían aprender dos chineses a espiar por medio do ciberespionaxe -tal e como sospeitan os americanos- que así non habería que pagar a ningunha axencia, sempre quedan rastros.

*Chamar pola xente é unha técnica de márketing

Comentarios