As bandeiras e a memoria

Tanta bandeira nestes últimos días, unhas prohibidas, outras derrotadas e outras exultantes, fixeron que volvesen, nun remuíño manso, algunhas cousas á memoria. Se me poño a pensar, os dous primeiros recordos asociados ás bandeiras teñen que ver con hoteis -xuraría que tamén con estacións de servizo- e outros estabelecementos, así como coas páxinas ilustradas dos dicionarios. Deses últimos copiei, coloreei e mesmo a bandeira dalgúns países -por suposto, non a galega- e teño para min que a cultura bandeirística daqueles currículos era considerabelmente maior que a da rapazada de hoxe en día. En canto aos distintivos dos diferentes países que lucían algúns locais, lembro a miña curiosidade e, sobre todo, a resposta co que no seu momento foi aplacada: era para que os estranxeiros que nos visitasen se alegrasen e sentisen benvidos ao ver ondear a bandeira do seu país. Na miña cativa experiencia da vida pregunteime cantos estranxeiros visitarían as nosas vilas nos anos setenta e se a benvida sería tan só para aqueles cuxa nación estaba representada nos mastros. Ademais de todas estas bandeiras, estaban aínda as que lucían nos edificios oficiais, que pouco atractivo tiñan para unha mirada infantil.

Ao longo de moitos anos as bandeiras pouco máis foron para min que unhas cores coas que intentaba iluminar, con lapis mal afiado, unha infancia en branco e negro. Andando o tempo, nos nosos debuxos comezaron a aparecer bandeiras brancas atravesadas por unha franxa azul, «no sentido no que corren as augas do río Miño», seladas algunhas delas cunha estrela vermella. Corrían tempos de novas cores e novas siglas, que iamos aprendendo como podiamos no tránsito cara a vida adulta. Coñecermos -ano 1984- as consecuencias legais que podía ter a queima dunha bandeira -daquela aínda, coma quen di, «a bandeira»- mandou para o faiado os poucos debuxos da infancia que quedaban no cuarto. Con todo, as bandeiras nunca deixaron de ser para min símbolos impresos nun anaco de tea. Pouco máis.

Sobre bandeiras sorprendérame tamén escoitar na casa como, nos primeiros anos da ditadura, a miña familia materna, que vivía na rúa compostelá da Senra, apuraba a pendurar os preceptivos símbolos nacionais no balcón ante o anuncio de calquera celebración oficial, so pena de represalia. A escena do rebumbio na casa ante o aviso de que «hay que sacar las banderas» sempre me pareceu tan divertido como propio dun tempo felizmente pasado. Non obstante, a prohibición de exhibir bandeiras republicanas durante o percorrido dos novos reis por Madrid lembroume esoutra época coñecida por libros e retallos de memoria familiar. Pouco democrática semella tal represión e pouco coherente cun discurso que anuncia novos tempos nesa España na que «hai sitio para todos» e -entendemos- para todas.

Comentarios