Bandeira

CÉZANNE repetiu unha e outra vez, ata en 11 lenzos e 17 acuarelas, a montaña de Sainte-Victoire segundo a miraba dende a casa da irmá Rose, en Bellevue. A súa teima era dotar ao impresionismo dun volume e unha forma para que lograse ser unha tendencia «sólida, como a arte que se ve nos museos». O pintor contradicía a inspiración momentánea e fugaz do impresionismo, esa convicción de que a beleza non se pode atrapar e gardar nos museos porque están na natureza e dura uns instantes. Non se pode pintar nin sequera filmar nin fotografar porque esas técnicas requiren un filtro e unha interpretación que lles resta pureza. Os Ancares mirados dende A Fonsagrada empuxan cara a esa perfección, coa ancha banda gris e as estreitas franxas branca e verde formando a bandeira do País das Montañas. A vida non é sinxela nese país, require esforzos inxentes para o logro pequeno de sobrevivir, e por iso nos resistimos a habitalo. Pero non podemos evitar mirar as montañas. Temos o instinto de que conteñen algún sortilexio. Cezanne sentiu esa atracción. Houbo unha tarde de 1906 na que estaba pintando Sainte-Victoire e empezou a chover arreo. A auga esvaráballe polo sombreiro e a capa, esborrancháballe o lenzo, pero non daba interrompido a súa conexión coa montaña. Morreu unha semana máis tarde de neumonía.

Comentarios