A banda Gin Toni's encandila ao público de todas as idades durante as festas de Monforte

A praza da Compañía rexistrou unha gran afluencia de xente no concerto que ofreceu o grupo de Escairón dentro das patronais
Actuación de Gin Tonis en Monforte
photo_camera Actuación de Gin Tonis en Monforte

Monforte leva un lustro buscando a fórmula para revitalizar o ambiente nocturno das festas patronais na praza da Compañía. O espazo que dá acceso aos Escolapios ten demasiada personalidade e son poucas as bandas que logran superar tal reto. Pero ás veces a solución está máis preto do que un pensa e é relativamente sinxela. A pasada madrugada tocaron na Compañía a orquestra Costa Dorada e o grupo saviñádigo Gin Toni's, e a mezcla foi a ideal. A meteoroloxía botou unha man, a noite quedou cunha temperatura agradable e os músicos fixeron o resto para que os que estaban, que non eran poucos, gozasen. Costa Dorada abriu a sesión cun pase moi bailongo, coa medida xusta de espectáculo e no que os temas soaron completos e clariños, algo cada vez máis difícil no mundo do orquesteo.

E Gin Toni's non foi menos. A banda que capitanea Andrés Montes coñece ben A Compañía porque antes de artistas os seus integrantes foron espectadores nesa mesma praza. Así que os de Escairón enfocaron o reto con moito respecto e a maior das ilusións. O resultado foron dúas horas de versións de Fito, Alaska, Los Rodríguez, M Clan e o mesmísimo Nino Bravo que encandilaron a un público dunha amplísima franxa de idade. Un público que cantou todos os temas, que bailou as milongas con auténtica maestría e quedou con ganas de máis.

Comentarios