Baltar

A Deputación de Ourense foi deixada esta semana en herdanza por Baltar ao seu fillo. Tras 22 anos no cargo, tempo dabondo para educar un rapaz e mesmo para concibilo por Ourense e por España, Baltar abdica e colga o trombón ou descólgao, iso xa se verá.

Cinco millóns de parados en España e o maior conseguidor de traballo, aquel que case logra o pleno emprego de todos os votantes do PP na provincia, retírasenos con aires de padriño deixando o neno na cadeira. Así o secretario xeral do PP galego, Alfonso Rueda, presumiu no acto de que “a unidade do partido é absoluta” e contrapúxoa ao congreso socialista de Sevilla, onde ata houbo candidatos.

Transición natural, chámaselle a iso. ¿Onde ía o home que colocou parentes e amigos pór o seu propio fillo senón no seu propio lugar? ¿Que ía facer Baltar cando cantaba polas romarías “se non es do Pepé / jódete” senón engadir o retrouso de “e se non es meu fillo, tamén”? O caciquismo en Galicia reprodúcese e hérdase na visión soft, que é a que lle dá os títulos universitarios e as boas compañías no porto deportivo de Sanxenxo.

O rapaz de Baltar cae mellor que o pai no PP porque, din, non é tan temperamental. Rasgo feliz, desde logo. Do pecado orixinal nada se di porque xa se sabe que os fillos teñen que ter as mesmas oportunidades que os pais. Ás veces, ata a esixencia de telas: se pasa na Zarzuela , ¿quen son en Ourense de negarse?

Comentarios