Bajo sospecha

De todos os defectos que ten ese país chamado España, o que máis amola a un servidor é o desprezo secular dos seus habitantes polos intelectuais. Dos xudeus e moriscos aos xesuítas como Hervás y Panduro. Das masas saudando a Fernando VII co ‘vivan las cadenas’ a Millán Astray contra Unamuno, pasando por aquel adagio de Machado que di que de cada dez cabezas, nove embisten e unha pensa. Aquí un tipo cun libro baixo o brazo é sospeitoso, o que estuda non lle vai explicar ao que o leva facendo trinta anos cómo se fai (mal) e o que sabe o mellor que pode facer e calar a boquiña, non sexa que o marxinen.

Que esta actitude sexa moi española non implica que sexa exclusivamente do noso país, e para demostralo está o novo libro do exministro César Antonio Molina, ‘La caza de los intelectuales’, publicado pola editorial Destino. O escritor coruñés presenta un bo feixe de ensaios nos que aborda a problemática relación das persoas de letras co poder, que adoito ten o costume de ir máis lonxe do desprezo e pasar ao desexo (ás veces consumado) da aniquilación física.

'La caza de los intelectiales, de César Antonio Molina Molina ten un verbo florido e un estilo moi particular e recoñecíbel, que se unen a unha formación e traxectoria intelectuais de prestixio recoñecido. Non obstante, non é tanto un novelista coma un poeta e articulista, e isto afecta á estruturación narrativa dos ensaios deste volume. Xa dende o primeiro, dedicado á figura de Cicerón, atopamos un intento por xogar coa orde do discurso e a orde da historia, intento que na miña opinión fracasa e pode confundir a aquel que descubra historias como a do Arpinate por primeira vez.

Esta falla discursiva nas pezas máis longas queda compensada polas numerosas virtudes amosadas durante toda a obra. Molina demostra ser, antes que nada, un lector magnífico, capaz de entrar sen problemas en diferentes épocas e xéneros. En segundo lugar, estamos ante un viaxeiro incansábel e cunha grande habilidade descritiva, se ben en ocasións isto fai que algúns artículos se desvíen do propósito da obra (por exemplo, aqueles dedicados a Auschwitz ou o gueto de Polonia, interesantes máis a nivel cultural que especificamente literario). Por último, amosa uns coñecementos sobre o contexto histórico no que se sitúa cada autor, de forma que obras e vidas quedan indisociablemente unidas. Neste senso parécenme de especial valor os escritos sobre a Francia de guerra e posguerra e a magnífica peza sobre Knut Hamsun, que debe moito á non menos xenial biografía de Kolloen.

Pareceralles mentira, pero o feito de que Molina sexa español acaba por afectar á calidade do seu libro. Non din en tolo, agarden antes de pasar a páxina. Como outros moitos intelectuais da pel de toro, o poeta coruñés precisa puntos de apoio dentro da súa propia cultura e atópaos no século XVIII con Jovellanos, Campomanes, Cabarrús e demais. Non podo compartir a súa reivindicación, como tampouco o fixen cando tiven que estudar a literatura do periodo. De feito, pensar en que contemporáneos de Jovellanos eran os enciclopedistas, os ultras das Luces ou revolucionarios americanos coma Jefferson, Franklin e Paine acentúa a miña revertiana sensación de vivir no cu do mundo cultural.

Hai libros, á fin e ao cabo, que son un paradoxo en si mesmos. Este é un de corte tráxico: a lectura de Molina convertirá ao lector en alguén máis culto, polo tanto en alguén máis susceptíbel de ser ‘cazado’, se aceptamos os termos do título. Non podemos culpar ao exministro, posibelmente un dos poucos políticos decentes da última década en España. Alguén ten que esforzarse en liberar á nación española do seu secular desprezo á intelixencia. Probabelmente o experimento sexa un fracaso: acábame de saltar unha publicación de certa rede social na que vexo a dous maromos medindo o aparello no medio dun programa de televisión. Así que case mellor reivindicar a Jovellanos aínda que sexa aburrido coma ver chover e menos reivindicábel que o barón D’Holbach.

La caza de los intelecuales
César Antonio Molina

Editorial Destino

Páxinas 528 Prezo 22,50 €

(Publicado na edición impresa o 3 de maio de 2014)

Comentarios