Baixo custo

HAI UNHA PARTE de cidadáns á que aínda lle quedan certos folgos económicos para emprender viaxes de suposto pracer. Son viaxes turísticas pero case de obriga para usar no entorno social habitual como marca de status. Alguén escoitou dicer: «Eu non viaxo, xa que non teño recursos nen vontade de pasar incomodidades ou sacrificios»? Non, iso non é habitual. Hai xente que nunca viaxou sen necesidade porque simplemente non pode. Hainos que viaxan, que se desprazan obrigadamente, en calquer condición, mesmo con perigo da súa vida, porque precisan emigrar, exiliarse, fuxir, buscar unha vida máis digna, ou viver nun lugar distinto do da orixe por razóns de forza maior. Viaxar polo pracer de coñecer novos países, novas culturas -exóticas ou non- é un invento relativamente recente na historia humana. No precapitalismo non se facía turismo. Esa forma lineal de concebir a historia, como se as peregrinacións medievais tivesen hoxe continuación, é ahistórica, unha inexacta reprodución da realidade. O nomadismo e as correntes de desprazados en busca de nova vida é o máis parecido á emigración que como fenómeno económico e social se inaugura co capitalismo, pero non son comparábeis coas actuais correntes de turistas. Para emigrar é preciso ser cidadán libre, é dicer, nen escravo nen servo, e esa condición política inaugúrase logo da Revolución francesa. Hai aínda outra obriga viaxeira actual, é a que leva incorporado o exercicio de cargos de responsabilidade, vinculados á organización do traballo en compañías multinacionais e/ou as súas imitadoras. Son os traballadores destas empresas en cargos de elevada responsabilidade e aparentemente moi ben pagos e que, non obstante, son carne de aeroporto. E limito o de ‘aparentemente’ ao cómputo das horas de descanso obrigado que se suceden in itinere. Xa non podemos estabelecer unha comparación cos colegas de igual posto e cualificación que non teñen a obriga de se desprazaren á cabeza do imperio, sexa en Europa ou cruzando o Atlántico. Mesmo semella que realizar xornadas de 17 horas máis ou menos ‘espabilado/a’ é un logro asociado ao staff empresarial, cando ben mirado non é máis que o autoengano dos novos escraviños ao servizo do posuidor do capital.

Toda esta especie de perorata vén a conta de que debo viaxar nunha liña aérea das chamadas de baixo custo: xa me producíu tanto stress que debo engadilo ao prezo da viaxe: facer a reserva on line, imprimir os billetes en estado de psicose (debes asinar que non queres seguro, aínda a risco de que non te repatríen), debes negar por activa que non precisas un montón de produtos que se oferecen, e logo, baixo sanción de 60 euros, imprimir ti os teus billetes e facelo ben. Da maleta, medidas, peso e porteado xa falaremos. Grazas a que teño unha querida amiga que me emprestou un chaleque de fotógrafo para substituír o imprescindíbel bolsiño de mao que levamos as mulleres desde tempo inmemorial.

Comentarios