jueves. 19.05.2022 |
El tiempo
jueves. 19.05.2022
El tiempo

Baixas finanzas

APARECE na televisión pública británica un home ben vestido, coidadosamente peiteado coa cantidade precisa de brillantina e a raia do pelo ben marcada, camisa de fina liña azulada e gravata malva con nó de moderna feitura, o sorriso estudado de quen leva practicando algún tempo o que vai dicir e como hai que dicilo e ese aire de individuo seguro de si mesmo co que parece obrigado identificar a calquera ‘broker’ que se prece, e comeza a laretar pontificando sobre crises, o medo que manexa os mercados, a agonía da Bolsa, a inseguridade do euro e o seu soño persoal de que todo isto marche á merda para así el fartarse a gañar diñeiro. E todo isto como resposta ás preguntas dunha xornalista que nos seus ademáns parece alternar a sorpresa coa indignación, o malestar e mesmo a carraxe, actitudes estas que nos poderían levar a supoñer que os da BBC non teñen nin a máis remota idea de con que bois aran e montan un número de asustar xente co primeiro fulano que por alí lles aparece, sen saber quen é nin ao que se dedica.

Como non podía ser doutro xeito a entrevista salta a todas as televisións, á internet, á prensa impresa e demais medios e comezan as reaccións, mesmo de ministros e responsables económicos de gobernos e corporacións, acusándoo de catastrofista, insolidario, bocapodre, inmoral e unha chea de adxectivos máis, escasamente agradables, cos que se pretendía descualificalo a el persoalmente -mesmo se chegou a dicir que se trataba dun actor que seguía o guión marcado por unha entidade chamada ‘The Yes Man’- aínda que, curiosamente, ninguén puxo tanto énfase en negar a maioría das afirmacións que fixera na tele. Falara de millóns de persoas que estaban a piques de perder o pouco que tiñan, da inutilidade das accións encamiñadas a prestixiar a moeda europea, das boas expectativas que para os tipos da súa desprezable catadura moral se presentarían coa ruína dos menos favorecidos... E asegurou, tallante, que quen en realidade argalla todo iso non son os gobernos senón a Goldman Sachs, que vai ti saber quen a controla.

A realidade é que non parece que case nada do que este home dixo supuña novidade para os que destas materias entenden -e mesmo para moitos dos que non entendemos- pero até o de agora apenas tiñamos a quen apuntar co dedo acusador xa que tanto Moody’s, Standard & Poor’s, Lehman Brothers, os ‘mercados’, a mesma Goldman Sachs e toda esa chea de entes difusos non teñen ollos para ver os nosos xestos de ameaza, nin orellas para escoitar os nosos insultos, nin cara na que lles botar a indecente inmoralidade coa que actúan, mentres que o fulano este si que a amosa, sen lle importar demasiado que alguén intente cuspirlle nela...

Nada disto resulta especialmente agradable, mais se temos en conta que hoxe é día 3 e mañá comezan as festas do San Froilán botemos cara as nubes o foguete da esperanza e agardemos que algo nos alume.

Baixas finanzas
Comentarios