Baile ao son da pandeira

Os galegos sempre tiveron fama de deixar pegada nos lugares nos que traballaron ou viviron, pero tamén de saber acoller na propia cultura tradicións que se estenden dende antaño. Un lugar especial, no que este instrumento de percusión se herda de xeración en xeración, é o Piornedo (Cervantes), onde hoxe se celebra unha nova edición da Festa da Pandeira co fin de exaltar a importancia que ten a pandeira na zona xeográfica de interinfluencia entre as comunidades de Galicia, Asturias e León.

Aínda hoxe é o día no que resoan as pandeiras en moitos lugares da xeografías galega e española. Coa pandeira tócanse xéneros musicais que consiguen resoar coas xemas dos dedos e que conforman un repertorio enorme de tipoloxías musicais que son unha delicia aos oídos.

Un ano máis a parroquia do Piornedo encherase de visitantes, ademais dos veciños, para sentir dende preto unha afección que comeza a perderse. Quen responde a un perfil de loitadora para que a pandeira non perda actividade é Laura Osorio Abella, nada en Bustarga , que recibirá unha homenaxe nesta cita musical.

A traxectoria da súa relación co mundo da pandeira comezou cando era unha nena e dende aquela decidiu adicarlle parte da súa vida. Agora dende Ponferrada, localidade na que reside, encárgase de manter viva esta tradición.

Máis que pandeiras

Ademais da homenaxe a esta pandeireteira, a cita tamén conta con outras moitas actividades. Nun primeiro momento, as encargadas de facer soar este instrumento musical chegarán ao Piornedo e de contado presentaranse os actos que conforman o cartel desta festa.

Chegada a hora do xantar, terá lugar a comida homenaxe que se celebrará na que foi a escola do Piornedo.

Xa a media tarde, polas 17.00 horas, comezarán as actuacións que serán gratuítas para todos aqueles que desexen asistir a esta cuarta edición, na que a pandeira será a estrela.

Pero a festa non remata aquí, xa que pola noite organizarase un baile nocturno no que os diversos grupos e asistentes —entre os que destacan os chegados dende os territorios estremeiros de León e Asturias, cabo dos lucenses— poderán participar e animar co seu repertorio a todos os que alí se atopen para gozar da velada.

Esta cita non sería nada sen as forzas da asociación local O Teixeiro, do grupo musical Polavila, así como de Juanjo Fernández.

A área de Cultura da Deputación de Lugo encargase de poñer os medios para que esta festa sexa posible ano tras ano. Cabe sinalar tamén o esforzo de voluntarios, locais e de fóra, que traballan en diversos labores como cociña, servicio de hostalería, limpezas, así como transporte de material.

Dende a organización mantense que é «necesario» que a música con arraigo teña unha oportunidade na actualidade, «pero non por sentimentalismo ou romanticismo, senón porque ten unha gran cualidade, tal como estamos a contemplar ano tras ano na Festa da Pandeira». Si é verdade que nalgúns casos trátase «de mulleres de moita idade que xa perderon as condicións físicas que tiñan de mozas». Pero, aínda nestes casos extremos, un bo observador pode apreciar a «cualidade que hai na interpretación».

Comentarios