Bágoas de sangue en Gdeim Izik

COMA SEMPRE, a primeira asasinada é a verdade. E para que a verdade esmoreza o primeiro é silenciar ós xornalistas, eses molestos moscóns que aínda cren niso de «Vai, mira e conta a verdade».

Esa espiña do Sáhara cravada na nosa memoria. España cala. Entre valores e intereses non hai discusión. Importan os peixes e os miles de postos de traballo. Interesa o noso pulpo, que din polbo e cría abondosamente no banco canario-sahariano. Interesan os fosfatos. Interesa unha policía sen contemplacións que conteña a riada de negros escapando da invivible África, mater dolorosa. Interesa un gardián de ortodoxias fronte ó fanatismo islámico.

Paralizados polo medo ó veciño e ás súas armas de intimidación masiva, inmigración, Ceuta e Melilla, o terror islamista, deixamos que actúe coa impunidade do matón ó que non podemos contrariar. Velaí a foto sepia que conservamos: unha simpatía inútil para o maltratado pobo saharaui. E unha potencia colonial impotente que escapou correndo do conflito e aínda segue fuxindo, entre a memoria e a mala conciencia, da súa responsabilidade. A primeira: condenar o atropelo dos dereitos humanos e denunciar a mordaza contra a liberdade de expresión.

A historia da descolonización do Sáhara Occidental é a crónica dun fracaso. Que mal o fixemos! Que pouco aprendemos dos erros. E como doe a parálise do goberno, a incapacidade da Onu, o silencio da Unión Europea. O antigo Sáhara sspañol nunca será a República Saharaui. Non interesa aos grandes, a Francia, potencia emerxente na zona, ou a EE.UU. Nin siquera interesa aquí que mandamos o Exército a Líbano, a Afganistán que pouco teñen que ver con nós. O noso é a merluza e o pulpo, os fosfatos e un xigantesco encoro no Estreito que impida ás pateras remontar curso arriba o río da vida na busca dun futuro mellor. En troques traemos cada verán a nenos saharauis para que asistan ó asombroso milagre de bañarse nunha piscina que non sexa de area. Iso si, nas axudas ao desenvolvemento nunca esquecimos a partida para preservativos xusto alí onde máis necesarios son os fillos.

Hai un problema político ben complexo e detrás, coma sempre, intereses económicos. Hai un conflicto diplomático moi enrevesado. Pero, sobre todo, hai xente real, persoas condenadas ao sufrimento que non aparecen nas axendas da chamada realpolitik. Só reivindican dereitos universais patrimonio de todos os seres humanos.

As imaxes mostran que os saharauis valen menos que o seu peso en area. Os mortos non teñen nome, pero todos teñen nai e o rostro de Al-Nagem, rapaz de 14 anos asasinado por armas marroquís. As bágoas da nai hai moito que secaron. Todas as bágoas, todo o sangue saharaui colle na area do deserto, en Gdeim Izik.

Comentarios