Azul infierno

(Foto: Sebas Senande)
photo_camera (Foto: Sebas Senande)

COÑEZO POUCOS artistas que se atrevan a pintar un azul como o que utilizou o profesional que se ocupou do cuarto que figura na fotografía. Ousaron Giotto e Fra Angelico, cando amosaban o Ceo do Paraíso, o máis bruñido pola súa condición de perfecto. Pero, entre os nosos, poida que soamente Quique Bordel chegue a tanto. Hai que ter demasiado talento ou demasiada personalidade -mesmo ir sobrado de ambas as cousas- para pintar un lenzo de azulón, aínda que sexa un lenzo de parede. Esa cor marca un ton xeral que é difícil de compaxinar con outras; como resulta complexo facer casar o Ceo co Inferno, pese a que probablemente sexan dependencias contiguas. Un avellentado Burt Lancaster describe a sensación en ‘Novecento’: «Sabes o que é o Inferno? O Inferno é que non se che erga». No caso do local da imaxe, un antigo club de Lugo, o Ceo dos clientes era o Inferno das rapazas que traballaban sen consideración á súa vontade nin ás súas condicións. Elas poderían describir algunhas paisaxes negras do Inferno ao personaxe de Lancaster. Agora, o Inferno está en desfeita, pero o outono non padece cese de actividade nin concursos de acreedores nin peches xudiciais. Regresa cada ano para penetrar nas nosas vidas, nas boas e nas malas, porque a súa función é humanizar todo antes de que a invernía nos deixe o corazón xelado.

Comentarios