Azerbaián gañou a ritmo de balada

 

Azerbaián gañou o festival de Eurovisión tras sumar 221 puntos grazas ao dúo Ell&Nikki, que cantou ‘Running scared’. En segunda posición quedou o italiano Raphael Gualazzi, con ‘Madness of love’, e, en terceira, Suecia, cos 185 puntos que reuniron Eric Saade e o seu ‘Popular’.

Seguidos de Italia e Suecia, o dúo azerbaiano formado tras empatar na preselección do seu país, non foi a única sorpresa da noite, porque destaca a labazada dos votantes a casi todos os favoritos, en especial ao francés Amaury Vassili, que caeu ao posto número 15, e tamén dos británicos Blue, que se viron relegados ao lugar decimoprimeiro.

A respecto da gala, Alemania amosou a súa potencia reunindo 38.000 personas diante do escenario futurista de Florian Wieder.O showman Stefan Raab, presentou a festa xunto a Judith Rakers y Ange Engelke, acompañados de vinte músicos e 43 figurantes coas banderas dos participantes.

Coa apertura das liñas para o voto dos televidentes comezou o maior show da televisión europea, narrado visualmente a través dunha rede de 25 cámaras.

Para facer gana de máis, Stefan Raab, e Lena cantaron unha versión rockeada de ‘Satellite’, con instrumentación swing; moito máis traballada ca do ano pasado. Saúdan a todos os eurotelevidentes, e aos australianos, e aos dos Estados Unidos.

«Europe starts voting now!». A tan sobada festa da democracia e un concurso de cancións.

Abriu Paradise Oskar, de Finlandia; a canción sinxela e cae ben, pero quizais faise un pouco lenta de máis para romper o xeo. Dino Merlin, un veterano nestas lides, segue co seu reggae balcánico por Bosnia Herzegovina. Precioso rock con vocación masiva de ‘A friend in London’, por Dinamarca, seguido dunha balada lituana con complexo de banda sonora de princesa Disney.

Hungría era unha das favoritas. A representante maxiar achegou un tema de ‘schlager dance’ dos que gustan por Centroeuropa e conta co beneplácito dun sector eurofán. É a diva de ventilador do Esc2011 a falta de Dana Internacional. Leva canda si unha sorte de rapaces vestidos de traballadores das obras da alta velocidade. Pero a festa en Eurovisión chámase ‘Lipstick’. Os Jedward irlandeses son un espectáculo e a canción pégase coma chapapote en fanequeiras. O sorteo quixo que foran seguidas tres das favoritas; a terceira, o ‘Popular’, de Eric Saade que samplea o ‘Rasputin’ de Boney M. Coidan os periodistas acreditados —os máis entusiastas, alomenos— que perde na comparanza o Justin Bieber sueco.

Estonia era outra das apostas fortes; é marchoso o ‘Rockefeller Street’ de Getter Jaani e ela defendeuse ben no escenario. Tamén sorprendeu este ano Grecia, polo cambio de rexistro: rap de calzón caído mesturado con sons folclóricos helenos. Porén, chega Russia co que adoitaban elixir os gregos nos últimos tempos: un cachas en camiseta imperio e con coreografía.

Amaury Vassili’s é corso, pero vai vestido de Corto Maltés. Cantou na súa lingua nativa con rexistro de tenor lírico un tema moi épico e non leva ninguén canda si. Un bravo da terra de Napoleón. O ‘Big Five’ foi de dous en dous: Italia estivo de volta con Rafael Gualazzi logo de 14 anos; jazz pasado pola peneira da ‘canzone’ napolitana e un cantante/pianista de xesto sardónico. Tamén elegante a suíza ‘Love for a while’, unha das favoritas de Lucía desde o principio. Fantástico directo o de Anna, que deu paso a Blue, que non poden co seu grito obamiano e desafinaron como en todos os ensaios o ‘I can’, que tantas expectativas ergueu logo do último posto do Reino Unido o ano pasado.

E ademais, deu paso a un dos temas máis cañeiros da noite o dos moldavos de sombreiro de cono con fada en monociclo, o megáfono —aiii, os Homens da Luta— e o acordeón. ‘So lucky’, chamábase o tema.

Lena xogaba na casa, e notábase. ‘Taken by a stranger’ é unha marcianada, mais tamén unha canción de meirande calidade có ‘Satellite’ e a bacherel de Hannover non aprendeu a andar en tacóns, pero si a mirar a cámara.

Foi despois Hotel FM, por Rumanía, con cantante inglés, musiquiña oitenteira e estilismo indescriptible. A continución, a solista austríaca, que executou con brillantez r&b un tema bastante inolvidable.

Azerbaián levou ‘Running scared’, un tema de calidade con mozo e moza ás voces; aínda que acabou por impoñerse, durante a gala semellou quedar un pouco eclipsado polo baladón rock de Eslovenia, a medio camiño entre Evanescence e Anastacia.

Con Islandia é fácil caer na síndrome de Reikiavik do ‘Coming home’, polo agradable que é a peza. Ademais, fixeron moi boa introdución para Lucía Pérez. A do Incio gústase e gustou cunha canción pouco pretenciosa que ela fixo medrar.

‘Que me quiten lo bailao’ foi totalmente distinta a canción de Ucraína, con debuxante de area sobre o escenario. Mika canta ben, pero o tema foi un tanto tedioso; De seguido, o pop de cores de Serbia, que se desmarcou dos seus camiños trillados do étnico e concorreu cunha solista con peiteado ‘garçon’ e estilismo Massiel. Para o remate, Georgia, cun tema dun metal a dúas voces dos que tanto se levou na década pasada e con estilismo rechamante que despediu as actuacións da gran final.

Comentarios