Avelino Díaz será protagonista en el acto anual del Pedregal de Irimia

Xermolos e a Irmandade Manuel María recordarán ao Poeta de Meira, para o que Manuel Pardo esculpirá 'A man de Irimia'
Na edición pasada fíxoselle unha homenaxe ao grupo A Quenlla.
photo_camera Na edición pasada fíxoselle unha homenaxe ao grupo A Quenlla.

Estase a converter nunha cita obrigada de peche da época estival. O acto que promove a asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María dende hai tres anos no Pedregal de Irimia terá o vindeiro 21 de setembro coma protagonista a Avelino Díaz, o Poeta de Meira.

«O Pedregal é o eixe simbólico de toda Galicia, onde nace o pai Miño», destacan os promotores da cita, que ten como única pretensión recordar a algunha figura destacada que entregase parte da súa existencia á cultura, así como a render tributo á identidade galega.

Na primeira edición, Valentín Arias foi a figura sobre a que xirou todo, mentres que o pasado ano, e aproveitando tres décadas de traxectoria, os parabéns e as verbas de alento foron adicadas ao grupo A Quenlla.

Nas dúas ocasións, o artista dos actos sociais, o meirego Manuel Pardo, deseñou sendas esculturas, que permanecen intactas ao paso do tempo no Pedregal de Irimia. ‘Pregoeiro do Vento’ e a ‘Ara de Prisciliano’ -na que contou coa axuda inestimable de Valdi- locen fermosas ao carón do Miño, cumprindo, no caso da segunda peza, cunha petición de José Chao Rego.

Para esta ocasión, Pardo creará ‘A man de Irimia’, unha peza que xa é a escultura por excelencia destas xuntanzas, e que será entregada previsiblemente ao presidente da asociación Avelino Díaz, Paco Veiga, dado que a meirande parte dos seus familiares están en Bos Aires e outros puntos de América.

«A peza é un galardón que representa esa man que se estende ao mundo desde o Pedregal e está tallada en pedra da nosa Serra de Meira, un material que define dalgunha maneira os trazos característicos da personalidade dos galegos», expón o artista, facendo fincapé en que as cores da obra son as da bandeira de Galicia e as do escudo do Concello meirego que o acolleu, unha mestura de verde esperanza, branco e vermello.

Ademais, e aínda que todavía os diferentes colectivos que organizan a cita non pecharon por completo o programa de actos para esta nova edición, Pardo adianta que tamén ten previsto facer unha exposición con algúns dos seus traballos que «estarán encamiñados a potenciar o Pedregal de Irimia, un entorno único».

O escultor di que esta mostra, que poderá ser visitada por todos aqueles que o desexen, se instalará nun lugar que aínda está pendente de concretar.

Como en calquera acto cultural que se precie, neste evento no Pedregal haberá un oco para as reivindicacións, e tamén para a música. E, por suposto, para os versos que Avelino Díaz adicou á terra a que non puido regresar logo de marchar en busca dunha vida mellor.

No acto participarán caras coñecidas do eido cultural, que asistirán, como xa é habitual, a un xantar de amizade, no que se fará un repaso pola vida do Poeta de Meira. Esta homenaxe pretende servir de apoio para a loita que mantén a asociación que leva o seu nome, que desexa que se lle dedique o Día das Letras Galegas en 2017, coincidindo co 120 aniversario do seu nacemento.

A peza conmemorativa está feita con pedra da Serra de Meira, un material «que define a personalidade dos galegos», di Pardo

Comentarios