viernes. 26.02.2021 |
El tiempo
viernes. 26.02.2021
El tiempo

Avelino Díaz, o Poeta de Meira, será candidato ás Letras Galegas en 2017

Acto de presentación da candidatura oficial de Avelino Díaz ás Letras Galegas no 2017
Acto de presentación da candidatura oficial de Avelino Díaz ás Letras Galegas no 2017
A entidade que leva o seu nome fixo a presentación oficial nun acto no que contou co apoio da Xunta e a Deputación

Un berro unánime a prol do Poeta de Meira. Iso foi o que se escoitou onte na presentación da candidatura oficial de Avelino Díaz ás Letras Galegas no 2017, un acto que se celebrou nunha ateigada casa da cultura meirega, con representantes dos dous concellos implicados -Meira e Riotorto- e coa presenza da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e do presidente da Deputación, Darío Campos.

O grupo local Nove Ferreñas foi o encargo de abrir o acto, interpretando un dos poemas musicados do protagonista da noite. Isto serviu para dar paso á entrega do primeiro agasallo. Anxo Lamas cedeu á asociación cultural Avelino Díaz varios dos seus traballos.

O presidente da entidade, Paco Veiga, agradeceu o detalle e tamén destacou o fondo traballo realizado «por un colectivo impresionante» durante dous anos e medio. «Acaba unha etapa, pero o ano que vén seguiremos aquí, xa sexa cun día das Letras Galegas ou presentando a candidatura para o 2018», asegurou, mentres confirmou que a «reedición da obra xa non é unha utopía», porque ao fin deron contactado con toda a familia de Avelino Díaz.

Os agradecementos a ese labor incansable da asociación cultural foron estendéndose dunha boca á outra, o mesmo que as verbas coas que todos os participantes enxalzaron a figura dun home ata fai «pouco tempo descoñecido».

O rexedor meirego, Antonio de Dios, definiu a Avelino Díaz como «un gran patriota, un galego cabal», e pediulle á Real Academia Galega que «honre a Avelino como se merece».

Pola súa banda, o alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, confirmou «a ilusión» que teñen todos os veciños do seu municipio por este proxecto, que segundo dixo «pode beneficiarnos moito».

Os dous rexedores fixeron entrega a Federico Cachafeiro, membro da asociación, de dous exemplares da obra do Poeta de Meira, no que foi o segundo agasallo da noite.

As verbas de agarimo continuaron da man de Raquel Arias, que asegurou que Avelino representaba «o ser dos galegos». «Foi un home autodidacta, que vivía nun sitio hostil e que foi quen de se facer oír», precisou a delegada da Xunta.

O último en intervir foi o presidente da Deputación, destacando a «calidade» da súa obra, ademais da súa «traxectoria vital de galego humilde que tivo que facer as américas, pero que nunca olvidou a súa terra, nin a súa lingua».

Campos deu paso, para finalizar o acto, que se prolongou durante unha hora e media, ao documental realizado pola Fundación TIC, que se estreou neste día tan importante. Os presentes pudieron gozar dunha peza audiovisual que recolle fragmentos de voz do propio escritor, ademais do testemuño do seu amigo Xosé Neira Vilas ou do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero.

Avelino Díaz, o Poeta de Meira, será candidato ás Letras Galegas en...
Comentarios