Autoritarismo africano

Os presidentes africanos teñen certa tendencia a derivar a súa xestión cara o autoritarismo, por moi democrática que fose a súa escolla. Na África negra, as eleccións só serven para lexitimar ao que xa ten o poder: a verdadeira competencia política vai por outras canles. Iso explica o elevado grao de transfuguismo que se dá nos seus partidos, ou os estraños xogos de alianzas entre líderes rivais: dous vellos inimigos poden amizarse (e, con eles, todo o seu clan) coa mesma facilidade que dous vellos camaradas se poden enfrontar. Todo vale cando se trata de acadar ou de manter o poder, mesmo a fraude electoral. O único que conta é saber como repartilo.

Thabo Mbeki é un triste exemplo desta tentación autoritaria, aínda que ao final non contase cos apoios suficientes como para perseverar no seu liderazgo. Elixido dúas veces como presidente de Sudáfrica polo partido do Congreso Nacional Africano (1999 e 2004), Mbeki vén de ser substituido á fronte desa formación por Jacob Zuma, un político populista que é a súa némese, e que podería recalar antes na cadea que na presidencia do país (está pendente dun xuízo por corrupción, amais de ter sido xulgado no pasado por violar á filla dun amigo seu). Con estes antecedentes, Zuma non encaixa no perfil político estándar segundo os gustos europeos, mais cando menos establece o principio da non reelección indefinida na democracia sudafricana. O máis probable é que Mbeki abandone a presidencia en 2009 aínda que, se por el fose, renovaría o cargo por outros cinco anos máis.

Machetes quenianos: a inestabilidade crónica da rexión
Mwai Kibaki, o presidente queniano, non ten ao seu partido na contra. É máis, puido contar con el para decantar no seu favor o resultado das eleccións do pasado 27 de decembro. Xurou o cargo ao pouco de saberse o escrutinio, mais daquela o descontento xa prendera nos partidarios do seu opositor, Raila Odinga, e os machetes comezaron a saír á rúa. Comezaron tamén os cadáveres. Dúas semanas de caos e barbarie despois o país está colapsado (non hai actividade no porto de Mombasa, os turistas fuxen do país), e mentres o seu presidente afirma aferrado ao cargo que está aberto ao diálogo. Non se lle pode negar o sangue frío, mais non está nun escenario no que poida ser optimista.

O machete (panga, en swahili) é tan ubicuo nas guerras africanas coma o fusil kalashnikov. Mesmo en Kenia, un estado que pasa por ser dos máis estabeis da África negra, os machetes interviron nuns cantos lances luctuosos. Foron eles os que iniciaron o proceso de independencia do país, ao rebelarse contra o colonialismo británico, na rebelión dos Mau-Mau (1952-1956): un cento de europeos mortos por 15.000 baixas africanas. Décadas despois, durante a pseudo-transición política de comezos dos anos noventa, serviron para expulsar a uns 300.000 kikuyus da rexión de Nakuru, instalados aló trinta anos antes. E agora, neste novo routo, hai quen sinala algún eco dos graves conflitos tribais que aniñan na rexión.

Quenia limita ao norte co desgoberno somalí e ao oeste coas guerras dos Grandes Lagos. O feito de que Kibaki sexa de etnia kikuyu e Odinga de etnia luo esperta a sospeita. As trinta e cinco víctimas carbonizadas da igrexa de Eldoret tamén eran todas kikuyus. Que está ocorrendo en Quenia? Unha guerra étnica? Unha guerra civil? No peor dos casos, si, mais semella unha guerra de desquite, de toda a poboación enfrontada exclusivamente contra os kikuyus, a etnia maioritaria do país (o 23% da súa poboación) e a máis favorecida polo poder político.

Alianzas volátiles: da fraude electoral á ameaza dun xenocidio
O mesmo John Kenyatta, fundador do país, tamén era kikuyu. A súa traxectoria política axústase ao guión dun autócrata africano: comezou gañando lexitimamente as primeiras eleccións democráticas do país, para logo ir reforzando os seus poderes ate converterse nun dictador. Algúns dos seus vellos camaradas da loita pola independencia pasáronse á oposición, como Oginga Odinga (o pai de Raila), mentres que outros mantíñanse fieis ao patrón, coma Mwai Kibaki, primeiro xunto a Kenyatta e logo canda o seu sucesor, Daniel Arap Moi, da etnia kalenjin. Kenyatta morreu no cargo en 1978, e Moi ía camiño perpetuarse nel ate que unha coalición na que colaboraron Kibaki e Raila Odinga o desaloxou do poder, xa en 2003.

En África, a oposición non é unha forza independente e alternativa, senón que xorde sempre dentro do propio partido do goberno. Dese xeito, Kibaki se rebelou contra Moi e agora Raila Odinga se rebela contra Kibaki, nunha loita onda os verdadeiros damnificados son os grupos sociais aos que representan, sendo os kikuyus a xente de Kibaki. A orixe destes enfrontamentos non hai que buscala en ningunha rivalidade étnica, senón no monopolio da hexemonía política. O problema está en como a clase dirixente reparte o poder. Hai dúas semanas a crise tiña máis que ver nas formas coa revolución laranxa de Ucraína (a resistencia popular contra unha fraude electoral), mais agora, tal e como van as cousas, corre o risco de asemellarse ao xenocidio tutsi de Ruanda. Cousa dos machetes: cando saen á rúa, a súa xustiza xa non depende de alianzas. Só entende de inimigos.

Comentarios