PERFIL

Aurora Glez.: "Pedimos unha celebración para a visibilización do valor de gais e bisexuais"

Os militantes socialistas ribadenses elixíronme en febreiro para ocupar un cargo que levaba meses vacante: o da secretaría xeral do partido e darlle á agrupación os novos aires que precisa. Estou a loitar polas liberdades en varias frontes: tanto na defensa do colectivo gay como no dereito a ser nai mediante o denominado ventre de aluguer
Aurora González Ginzo, líder socialista en Ribadeo e portavoz da Asociación pola Xestación Subrogada
photo_camera Aurora González Ginzo, líder socialista en Ribadeo e portavoz da Asociación pola Xestación Subrogada

Só coa calma que emana Aurora González se pode levar unha familia e un cargo político como o da secretaría xeral da agrupación socialista en Ribadeo —e en breve tamén a encomenda de ser edil en substitución de Roberto Ramos, que se deu de baixa por motivos laborais—. E aínda máis: levar a defensa dos intereses dun colectivo como o da Asociación pola Xestación Subrogada en España, da que ela é secretaria e voceira.

Por que o carácter ou o ámbito estatal deste colectivo?

Creámola como asociación de ámbito estatal porque a regulación deste asunto correspóndelle ao Estado e o noso fin é precisamente que esta técnica de reprodución asistida se regule canto antes, xa que hai moitas persoas no noso país que a necesitan para ser nais e/ou pais. Os avances desde que nós empezamos hai pouco máis de tres anos son moitos e como exemplo está o feito de que o debate sobre a xestación subrogada chegou á asemblea de Madrid da man de Ciudadanos e obrigou aos partidos alí representados a posicionarse. Agora todos están a falar do tema. Pedro Sánchez dixo que abriría o debate no partido despois da campaña.

Durante o último mes, en que lugares da Península deu charlas informativas sobre esta cuestión?

En León, Segovia e Salamanca. Contactamos con aqueles que nos piden información e, xunto coa Asociación Son Nuestros Hijos (SNH) —que agrupa a familias que xa utilizaron esta técnica en países onde é legal e que loitan pola equiparación dos seus dereitos cos das familias tradicionais—, organizamos charlas informativas e xornadas por todo o territorio español. Estivemos en Sevilla, en San Sebastián e en Barcelona na sede de Convergencia; a mediados do mes de maio en Madrid e a finais do mes pasado houbo un debate en Ribadeo,

Cantas persoas na Mariña acudiron a este método para ser pais?

Descoñecemos o número de persoas da Mariña que poden ter feito xestación subrogada porque, primeiro, son datos que forman parte da intimidade dos e das menores e das familias e non se recollen en ningún tipo de rexistro público e, segundo, porque, por desgraza, a esterilidade segue a estar estigmatizada e as mulleres que teñen que recorrer a esta técnica non o contan fóra do seu entorno máis próximo.

Está a defender, tamén dende o PSOE, a liberdade sexual. Non se acaba de acadar a igualdade.

Non. Seguen sen ter a visibilidade e normalidade da que desfrutamos os heterosexuais.

E defendeu que Ribadeo tamén celebrase o Día do Orgullo?

O pasado 28 de xuño foi o Día do Orgullo e nós pedimos que se puxesea bandeira multicor no concello a víspera, que se mantivese unha semana e o alcalde accedeu á nosa demanda.

Por que queren que Ribadeo celebre cada 17 de maio o día internacional contra a homofobia, transfobia e bifobia?

Pedímolo nun pleno e seguimos mantendo a esperanza de que para vindeiros anos esta celebración se incorpore ao calendario do noso Concello, porque cremos que ámbalas dúas celebracións son perfectamente compatibles —a das Letras Galegas e a que nós propoñemos— . Non desmerecemos as nosas letras nin os nosos autores por amosar o noso apoio a este colectivo, como pensaron algúns. Ao revés, pois neste ano xa levamos 52 agresións físicas por homofobia, unha delas en Santiago. As dúas celebracións teñen certo paralelismo: trátase de visibilizar para recoñecer, por un lado, o valor dos nosos escritores e as nosas escritoras, e por outro, o valor das persoas que forman parte do colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e persoas transxénero (LGTBI).

De feito, o PSOE de Ribadeo celebrou este día. Como o fixo?

Cunha conferencia na que interviron Gonzalo Diz, membro da Asociación 7Cores Compostela, e Mariano Beltrán, psicólogo.

Que reto se marca á fronte da agrupación local socialista?

O noso reto é recuperar a confianza dos veciños e veciñas nun momento no que case todo o mundo está un pouco farto e decepcionado polos acontecementos dos últimos anos. Sen embargo, a política é imprescindible para organizar a convivencia en sociedade, por iso é necesario demostrar que é posible facer política dunha forma honrada e poñendo os intereses do pobo por riba de todo.

Que charlas organizaron?

Tratamos de facer cousas que cremos que son de interese. Así, estamos a facer charlas informativas periódicas, como por exemplo a que impartiu o doctor Cristóbal Garfia sobre a saúde da muller, e outra sobre o imposto da renda.

Comentarios