domingo. 16.01.2022 |
El tiempo
domingo. 16.01.2022
El tiempo

Aulas de castigo

CON ESTE, ou outro nome máis eufemístico, circula por aí a idea de confinar os alumnos díscolos en aulas especiais. Trinta e seis anos de docencia, por moi mal que a teña exercido, algo me  ensinarían así que,  de entrada, declaro, e non pido perdón,  que iso das aulas de castigo é unha solemne barbaridade. O máis doado e barato é facer guetos. Meter nun caixón de xastre (e desastre) a rebeldes, inadaptados, torpes, hiperactivos e demais criaturas incómodas, que as hai, para marxinalos aínda máis, non é un remedio senón unha estupidez. Onde queda a educación personalizada? Onde a educación comprensiva, é dicir, nas mesmas aulas e coas mesmas oportunidades para todos, baixo cuxa filosofía se formulou a LOXSE primeiro e a LOE despois? E non se lle apoña a este principio a culpa de todos os males, porque o certo é que está presente na maioría dos sistemas máis eficaces do mundo. Unir comprensión e personalizar require medios e eses son os que faltan. Xa non sobraban e, baixo o pretexto da austeridade, este ano recortáronse máis.

Coñezo centros onde este curso hai cinco ou seis profesores menos que o pasado. Suman alumnos e dividen por aulas, como se de obxectos homólogos se tratase,  e as contas cádranlles. Hai cartos, iso si, para segregar en centros privados por sexos, en contra doutro dos principios da lei, o da coeducación. Fóra diso, o único que ofrecen é propostas  tan reaccionarias como a das aulas de castigo. Porque a experiencia  demostra que unha das causas de inadaptación de moitos dos rapaces e rapazas é, xunto coa falta dun proxecto vital,  a baixa autoestima, o sentirse un ninguén de quen non se pode agardar nada bo. Que os guinden ás tebras exteriores dunha aula deste tipo, virá  reforzar a percepción negativa que ten de si mesmo  quen se fai reo de tal castigo. Pola contra, ir á raíz do problema, confiar na posibilidade da mudanza, incentivar o cambio e apoialo, dá resultado moitas veces.

Culpa da situación das aulas o presidente Feijóo á perda de conciencia cidadá, e está en contra da Educación para a cidadanía: como se entende iso?

Devolver a autoridade aos profesores considerándoos  autoridade pública, volvendo ás tarimas e ao tratamento de vostede? Pobre do que se teña que subir en zancos para ser alto. Á marxe de cuestións xurídicas, a autoridade outórgaa o respecto e o respecto non emana do tratamento nin da posición física superior. O respecto é algo moito máis fondo e, polo tanto, moito máis difícil de conseguir. E non digo que as tarimas non sexan prácticas nin que os rapaces e rapazas non teñan que saber que non se pode ir pola vida atuando indiscriminadamente a todo o mundo. A nai do año é aquel tan citado proverbio africano de que, para educar un neno, cómpre toda a tribo. E xa se sabe quen educa aquí a tribo e cales son as musas que a inspiran. Ás aulas de castigo mandaría eu boa parte da oferta televisiva coa súa caterva de laretas. A partir de aí poderiamos empezar a falar de educación.

Aulas de castigo
Comentarios