Auga que has beber

O ALCALDE DE LUGO, José López Orozco, anunciou que a auga da traída pode beberse logo de saír da billa. Ese anuncio produciuse hai días aínda que semella doutro tempo ou mesmo dunha dimensión paralela ás tres que coñecemos. Sen tempo non era que os habitantes dunha cidade acaroada por un río poidan tirar rendimento aos impostos por este concepto e excusen de carrexar augas embotelladas ou de usar os filtros domésticos.

Ata onte mesmo descoñecía a que sabe a auga de Lugo porque nunca a consumín directamente, amolado, quizais, pola perplexidade do sabor limpo dunha macrocidade coma Madrid, onde un pode xirar a rosca da billa e beber.

De calquera xeito, o que falta na cidade de Lugo para que os cidadáns deixen de encher os carros da compra con botellóns transparentes é un baño de Palomares, unha mostra fotográfica de que podemos lanzarnos ao consumo de auga corrente sen temer polo repouso do estómagos.

Atrévome a propoñer que sexan uns expertos os que certifiquen esa despreocupación coa que todo lucense pode beber auga na casa a calquera hora do día ou da noite organizando unha cata de expertos, a xeito desa cata de gaseosas galegas que dirixiu Manuel Gago en decembro do ano pasado.

A falta de reaccións alleas, fixen unha cata de profano. Antes de comezar, informeime en www.directoalpaladar.com o xeito de acometer unha cata. Seguindo as indicacións da páxina, ocupeime que a cociña estivese a uns 21 graos e procurei a humidade do aire entre un 70%. Collín unha copa cónica, que son as recomendadas para apreciar cor, olor, sabor, turbidez e sedimentación.

Comprobei que a auga gañara en transparencia e resulta moi aceptable. Ulisqueina sen que lograse distinguir aroma algún e o paso por boca resultoume agradable e suave. O único malo foi o retrogusto a cloro que me quedou.

Cando menos, a experiencia serviume para incorporarme a esta moda da cata das augas. A Dirección Xeral de Tráfico está facendo moito por potencialas como alternativa ás catas de viño.

A importancia crecente das augas está chegando ao punto de que o coroamento do Noma de Copenhage como o emperador dos restaurantes foi obra dunha marca de augas, San Pellegrino. Esas augas recóllense e embótellanse na Lombardía italiana segundo van descendendo dos Alpes.

O seu listado '50 Mellores Restaurantes do Mundo' está obtendo máis respecto dos afeccionados ca Guía Michelin, que teima en excluír con soberbia a cociña dos países nórdicos.

A listaxe de San Pellegrino desprazou este ano a El Bulli, do que parece que se aburriu Adrià, para colocar no seu posto ao seu discípulo René Redzepi. Curiosamente, o restaurador danés é un ortodoxo da tendencia marcada pola cociña francesa de usar produto de tempada e da contorna do restaurante. De ter o restaurante en Lugo, Redzepi usaría a auga da traída.

Comentarios