A auditoría

A auditoría de KPMG di o que era imaxinable: a fusión das dúas caixas pode aprobar dende un punto de vista técnico-económico. Digo “aprobar” porque o que a auditoría non di é que a fusión sexa a mellor operación posible dende un punto de vista estritamente empresarial. É moi probable que haxa caixas por España adiante coas que unha posible fusión cunha das galegas sacase mellor nota, fose pola complementariedade das redes, porque as culturas empresariais fosen más semellantes coa de Caixa Galicia ou Caixanova, ou porque os plans estratéxicos fosen máis compatibles. E digo “pode”, porque o resultado final da fusión en termos de solvencia, eficiencia, ou rendibilidade dependería de moitos factores: cómo se faga o proceso, do protocolo, das calidades dos equipos directivos e dos consellos de administración, entre outros.

E sen embargo, hoxe a fusión segue parecendo a mellor opción nun escenario onde o Banco de España e o propio Ministerio de Economía queren casar a xente e reducir o número de caixa de aforros de xeito significativo. Porque cando introducimos na ecuación o valor para os galegos de ter caixas de aforro propias, a balanza inclínase claramente en contra de solucións que nos leven a casar con outros máis grandes e fortes (Cajamadrid) ou diluírnos nun SIP con sé en Madrid. Daquela non cabe dúbida que dende unha perspectiva colectiva, co obxectivo final de que Galicia lidere unha das menos de dez caixas que quedarán en España, vendo as alternativas, e dando por feito que non é posible que as dúas caixas se manteñan alleas a calquera operación de adición no medio prazo, a fusión resulta o máis razoable.

A partires de aí, parece que do que se trata é de que a meirande parte de nós (e sobre todos dos consellos de administración das caixas que son quen teñen a derradeira palabra) vexamos as vantaxes potenciais da operación, para apoiala; que escollamos ben os equipos directivos e aproveitemos a experiencia acumulada dos que agora están; que atinemos na escolla dos membros do consello; que nos poñamos a traballar axiña no borrador protocolo da operación, fuxindo da opción de encargar traballos a consultoras de Madrid a fume de carozo e o derradeiro día; que discutamos como queda o reparto das sés; e que fagamos todo elo con perspectiva de país. A Coruña debe asumir que non vai ser o centro financeiro de Galicia e que deberá compartir ese rol con Vigo, como ata agora, e mesmo con outras cidades do anel galego. Coa nova plataforma ferroviaria, a rede de, autoestradas e a fibra óptica as posibilidades son múltiples.

Porque a realidade e a pesares de que pareza o contrario, o difícil comeza agora. A fusión é un proceso cheo de incógnitas e no que podemos atinar en grao variable. A evidencia empírica dispoñible para o caso español demostra que as sinerxias non están nen moito menos garantidas. Pero os propios procesos de fusión que deron pé as dúas caixas galegas amosan que os galegos sabemos e podemos facer ben estas cousas.

Comentarios