"Ata que non viñeron as máquinas había que andar, chovera ou xeara"

Carlos Veres
photo_camera Carlos Veres

Carlos Veres é un mineiro xubilado. Empezou con 18 anos, no 61, a sacar ferro en Lousada e no 79 cambiou ao carbón, ao entrar na mina de Endesa nas Pontes. «Empecei de pinche, carretando auga co porrón. Meteume un tío meu e botei uns 14 anos. Era un traballo duro. Despois pasei a peón, cargando os camións a pa. Botabas oito horas sen parar e sen comer. Un picaba e dous padeaban. Daquela había uns 20 camións xa, entraba un e saía outro, pero de noite parábase», rememora Carlos, mentres recorda tempos de pouca seguridade laboral e moito traballo.

«O ferro barrenábano», di. Abríanse paso con explosións de dinamita. «Cobrabamos 800 pesetas ao mes e logo foi subindo algo», indica. Igual que o soldo, tamén cambiaron as condicións. «Montouse unha tolva con vagonetas con raís e o camión cargaba por debaixo. Mellorou algo, pero seguía sendo duro porque había que cargar as vagonetas», lembra. «Ata que non viñeron as máquinas había que andar e traballar chovese, nevase ou xease. Había traxes de auga, deses amarelos, pero non eran moi bos», recorda.

«A miña avoa lavábame cun estropallo no pescozo e por moito que lavaras, a camisa que poñías quedaba amarela. Quedábase pegado». Era a cor que deixaba na pel o ferro, a mesma que se pode ver na terra que rodea hoxe os lagos. «O mellor foi cando entraron as máquinas -alá polo ano 65-, mellorou moito. E o señor -di en relación ao responsable da mina- non trouxo xente de fóra. Ensinounos a todos a usalas, deunos a oportunidade, por iso logo moitos entramos en Endesa. A mina de Lousada foi unha escola de aprendices».

«A das Pontes xa era outra cosa, máis maquinaria, máis tecnoloxía. Nada que ver». E recorda outro fito na industrialización da mina de Lousada, cando se construíu o lavadoiro. «O camión basculaba o mineral nunha canle que tiña algo de auga e tres cribas. Había tres señores por cada lado e así o ferro saía sen impurezas. De alí caía directamente na tolva e de alí para Ferrol». «Foi unha mina importante, traballouse moito, pero acabouse o ferro. O que quedaba era area», di.

Comentarios