A asociación Lareira de Soños solicitará o apoio da Deputación

O obxectivo é obter axuda para promover diversos proxectos
Algúns dos asistentes á asamblea de Lareira de Soños
photo_camera Algúns dos asistentes á asamblea de Lareira de Soños

A nova asociación Lareira de Soños, constituída oficialmente este sábado tras unha asamblea na Casa Habanera de Guitiriz, dá xa o seus primeiros pasos, ao ter fixada para mañá mércores unha reunión coa área de cultura da Deputación de Lugo.

O obxectivo deste encontro é estudar a posibilidade de obter apoio para os proxectos que se queren canalizar a través desta nova entidade, entre os que figuran o proxecto que lle dá nome, que conta cun libro de Pastora Veres e un documental de Cibrán Tenreiro sobre a parroquia dos Vilares. Unha publicación que recolla as fotos do Armeiro, un programa de roteiros ou impulsar a Nova Poesía Guitirica son outros dos temas que se abordarán na xuntanza.

ASAMBLEA. A nova asociación, que supera a trintena de socios fundadores, aprobou en asamblea os seus estatutos, ademais de nomear a súa xunta directiva.

O empresario Antón Tenreiro é o novo presidente, coa pedagoga Adriana Quijada coma vicepresidenta e a graduada social Mar Beres de secretaria. O perruqueiro Xelo Teijido será o tesoureiro e de vogais exercerán a gandeira Montse Caínzos, a traballadora social Pastora Veres, a empregada Maruchi Lobeiras e o xubilado José Luís Teijido.

Comentarios