A Asociación de veciños, cultural e medioambiental dos Vilares vén de renovar a súa xunta directiva, integrada por seis persoas: Luz Veres (presidenta), José Paz (vicepresidente), María Pena (secretaria), Jesús Ángel Teijido (tesoureiro) e Sandra Pena e Román González (vogais).
Unir esta parroquia guitiricense, conseguir incrementar o número de socios ou revitalizar a entidade son algúns dos obxectivos que se marcan os novos integrantes da directiva, que traballarán tamén para manter e potenciar a Romaría Labrega da Chaira.
A xunta directiva prevé tamén realizar novas propostas culturais e sociais para a veciñanza, entre as que barallan organizar un curso de gaita -a asociación ten varios instrumentos en propiedade- para, co tempo, poder contar co seu propio grupo de música tradicional.
A primeira actividade da renovada asociación veciñal será un magosto popular, que se celebrará o vindeiro sábado 5, a partir das 16.30 horas, nas Reixas, nunha carpa instalada nas inmediacións da igrexa parroquial vilarega.
O programa desta festa inclúe unha degustación de castañas e de liscos, así como distintos xogos para os máis pequenos. Tamén haberá un concurso de cabazas, con premios para a máis grande, a máis pequena e a máis elaborada. Ademais, sortearase entre os asistentes unha estancia dunha fin de semana para dúas persoas nun balneario.