A asociación Avelino Díaz reedita a súa obra

Os permisos dos familiares do Poeta de Meira e o financiamento xa están case pechados
Última asamblea da asociación Avelino Díaz, en Meira
photo_camera Última asamblea da asociación Avelino Díaz, en Meira

A asociación cultural Avelino Díaz está traballando arreo para reeditar a obra do coñecido Poeta de Meira, unha cuestión que trataron en profundidade na última asamblea da entidade celebrada na casa da cultura meirega e na que tamén houbo unha renovación parcial da directiva.

O actual presidente, Paco Veiga, afirma que están no camiño para acadar este obxectivo. «Acabouse a etapa na que queriamos dar a coñecer a Avelino Díaz. Agora a xente xa sabe quen é, así que o noso propósito é tratar de reeditar a súa obra», di Veiga, mentres que confirma que tanto os permisos dos familiares como o financiamento «xa non son unha utopía».

Ademais, a asociación, que é «un colectivo de colectivos», tamén tratará nos vindeiros meses de afondar «no campo da investigación». «Queremos implicar estudosos a través da universidade para que poidan indagar sobre o traballo do poeta, tendo en conta que hai máis de 850 poemas inéditos», engade o presidente da entidade.

Neste aspecto, a asociación non descarta co tempo poder organizar un ciclo de charlas en Meira con académicos da lingua, que son «os que máis coñecen o traballo e a vida de Avelino Díaz».

Comentarios