A asociación Avelino Díaz presentará ao poeta para as Letras Galegas 2018

Aplaude a decisión tomada pola Academia de homenaxear a Carlos Casares

A asociación cultural Avelino Díaz anuncia, tras coñecer a decisión da RAG de adicarlle o Día das Letras Galegas deste ano a Carlos Casares, que presentará de novo a candidatura do poeta que lles dá nome o ano que vén.

A asociación, que como eles mesmos defenden «leva desenvolvendo un demorado traballo de anos na recuperación e divulgación da obra do Poeta de Meira», saúda a decisión tomada pola Academia, xa que considera «a figura de Carlos Casares, sen discusión, merecedora da homenaxe para a que foi elixida». Pero non por iso renuncia á loita por un día para Avelino.

«Desde o mesmo momento da súa constitución, a asociación foi consciente da dificultade que presentaba conseguir que a academia se fixase na figura de Avelino ao primeiro intento, toda vez que o elenco de candidatos semella ser máis numeroso ano a ano, cada un cos seus indiscutibles méritos», explican.

Pero defenden a importanica da elección de Avelino como «fundamental para o estudo da vida e da obra do poeta, toda vez que se trata dun escritor que desenvolveu toda a súa produción en América, sendo precisos moitos medios para poder reunir os seus 1.178 poemas referenciados, ademais da súa inmensa obra xornalística».

Comentarios