Así ven o encontro algúns dos veteráns de ambos equipos

Así o ven os veteráns

“AMBOS ESTÁN AO LÍMITE; O DÉPOR PEOR, PERO O CELTA DEBE GAÑAR PARA QUE NON SE APAGUE O EFECTO ABEL"

PACO BUYO Ex futbolista do Deportivo


Malia ser un deportivista confeso, Paco Buyo (Betanzos, 1958) non termina de ver clara a salvación do Deportivo. Considera que ten  “moi difícil” lograr a permanencia, pero abre unha porta á esperanza no caso de que os coruñeses consigan “pillar unha xeira positiva”, algo que tamén pensa que necesita o Celta para alcanzar o obxectivo. Para él, esta “situación límite” coa que chegan ambos, último e penúltimo, será a que marque o devir dos acontecementos no derbi de Riazor.

“Non vexo favorito, porque a presión é igual para os dous. Quizais o apoio do público pode axudarlle ao Deportivo, pero ambos os planteis están bastante parellos”, explica o ex gardameta do Real Madrid. No entanto, Buyo ve os de Fernando Vázquez nunha situación “bastante máis complicada”, pero cre que o Celta debe gañar o derbi porque se non o fai “o posible efecto revulsivo de Abel Resino vaise apagar”.

Neste contexto, e ante un panorama de “a priori” máxima igualdade, o de Betanzos cre que os “pequenos detalles” serán os que decidan este partido. Non se atreve, deste xeito, a dar os nomes dos futbolistas que poderían desequilibralo. “Nunca se sabe o que pode pasar nun duelo así”, zanxa o que fora porteiro internacional na década dos oitenta..


"OS ADESTRADORES QUE FALAN DE MÁIS SÓ DIN PARVADAS; NON PODEN CARGAR DE PRESIÓN ASÍ AOS SEUS XOGADORES"

DAVID VIDAL adestrador e ex xogador do Dépor


David Vidal (Portosín, 1950), ex-perto en salvar equipos en situacións críticas, prognostica un derbi de resultado incerto, no que o balón parado decidirá ante os problemas que teñen Deportivo e Celta para marcar “en triangulacións e combinacións”. Un saque de banda ou unha falta lateral poden cambiar todo, di, e o valor engadido da afección de Riazor para os branquiazuis queda minimizado “pola maior regularidade” que lle ve ao Celta nesta Liga.

A motivación neste tipo de duelos é clave, e el sábeo:  “Salvei moitos clubs afundidos, como están agora Dépor e Celta. O que hai que facer nesta situación é dicirlles aos xogadores que hai vida e que deben deixar a pel ata o último partido, pero nunca hai que falar de que este ou aquel encontro é unha final; iso é unha parvada”. E é que para Vidal os técnicos que fan iso cometen “un craso erro e non saben o que teñen entre mans”, cargando de presión os seus xogadores.

O de Portosín recalca a importancia de “non perder os nervios” para evitar expulsións e lanza un último consello a Fernando Vázquez e Abel Resino: “Teñen que lavar a mente dos xogadores, saber que hai que esforzarse e que sempre queda vida se se fan as cousas ben. Eles fan caso aos que lles mandan os adestradores”.


"O MEU CORAZÓN É MÁIS DO DEPORTIVO, PERO SE SAE DERROTADO DO DERBI TERÁ MOI COMPLICADO LOGRAR A PERMANENCIA"

JABO IRURETA Ex adestrador do Deportivo e Celta


Sete anos no banco de Riazor e un en Vigo avalan a Jabo Irureta (Irún, 1948) como voz autorizada para falar do derbi galego. Aínda que “o corazón” lle tira para A Coruña, o técnico vasco quere que os dous se manteñan en Primeira, pero cre que a súa situación na táboa é “delicada” e a presión para o partido de hoxe é “grande”. E é que para Irureta o equipo que saia derrotado “terá moi complicado saír do fondo da clasificación”.

Aínda que pensa que os futbolistas son “moi conscientes” do que se xogan, cre que tanto Fernando Vázquez como Abel Resino teñen que incidir “na concienciación” de que se trata dun partido de moita importancia: “Ademais dos tres puntos, a rivalidade sempre está aí”. Non se atreve Irureta a dar un prognóstico para o partido e só se anima a avaliar o factor Riazor, que “en teoría” debería ser bo para o Deportivo. “Pero os dous están mal e teñen bos xogadores para desequilibrar o derbi”, matiza o técnico irundarra.

O que non agocha é con quen irá no partido. “No meu corazón evidententemente pesa que estiven sete anos como deportivista e un como céltico, pero gustaríame que ambos os dous se salvasen”, explica, antes de concluír lanzando un desexo ao vento: “Galicia merece sempre ter polo menos un equipo en Primera”.

"BOTAR A HERRERA E A OLTRA FORON DECISIÓNS PRECIPITADAS QUE NON CAMBIARON CASE NADA EN DEPORTIVO E CELTA"

JOSÉ MANUEL AIRA Ex xogador do Dépor e técnico do R. Ferrol


Berciano de nacemento, galego de adopción e deportivista de sentimento. José Manuel Aira (Ponferrada, 1976) cre que o Deportivo, club co que debutou en Primeira, “acusaría moito máis” unha derrota no derbi porque “xogan na casa” e porque teñen “máis necesidade” de lograr unha vitoria que “lles faga crer na salvación”. No entanto, o adestrador do Racing de Ferrol cre que un triunfo dos de Fernando Vázquez lles daría “un empurrón tremendo” para engancharse a Primeira.

Sobre o Celta, Aira pensa que, ao ter o obxectivo da permanencia aínda próximo,  “o golpe” en caso de perder non sería tan duro. Iso pode xogar ao seu favor á hora de “controlar a situación de ansiedade”, o gran factor que a ollos do berciano desnivelará o derbi galego de hoxe en Riazor. “Querer gañar o partido moi pronto pódete levar a cometer moitos erros”, explica, e por iso cómpre “dominar o estado emocional”.

Aira tamén é pesimista con respecto á salvación de Dépor e Celta. De feito, considera que as destitucións de Oltra e Herrera foron decisións “precipitadas, visto desde fóra e sen datos obxectivos do día a día”, matiza. “A situación cambiou moi pouco desde que se foron e creo que ambos estaban capacitados para sacar adiante os seus equipos”, zanxa o técnico.


"CONTROLAR OS NERVIOS E A ANSIEDADE CASE TEN MÁIS VALOR NESTE DERBI QUE AS ESTRATEXIAS OU OS PROPIOS FUTBOLISTAS"

XURXO OTERO Ex xogador do Celta


Para Xurxo Otero (Nigrán, 1969), o control anímico, nunha situación dramática como a que viven Deportivo e Celta, será o factor que decida o derbi galego. O que fora internacional con España no Mundial de 1994 ve os coruñeses “máis presionados” porque necesitan gañar “si ou si”, mentres que aos vigueses “un empate lles valería incluso para tomar moral”.

En calquera caso, o ex do Celta asevera que nun partido deste tipo “non hai favoritos” e que os prognósticos “son sempre complicados”. Por iso, el aposta polo equipo que logre temperar mellor os nervios: “O máis importante é controlar a ansiedade, por riba de futbolistas e de estratexias”. Tampouco pensa que as baixas, como a de Álex López no Celta, pasen factura a dous equipos que non contan con xogadores “claramente imprescindibles”.

Aínda que considera o que o Deportivo ten “moi difícil salvarse aínda gañando o derbi”, Otero tampouco é optimista con respecto á permanencia do Celta, malia que aínda ten os seus rivais a tiro. “Sería unha mágoa que descendesen os dous, quedariamos sen derbi en Primeira e Galicia ten que ter aí os seus dous equipos máis representativos”, confesa o de Nigrán, quen ve “importantísimo para o pobo galego” que haxa fútbol de nivel na comunidade.

 

Comentarios