A Asamblea Feminista de Vilalba organiza unha mesa redonda sobre a muller no deporte

A cita será hoxe, ás 21.15 horas, no Centro Cultural e Recreativo
Almudena Puente será unha das relatoras da mesa redonda
photo_camera Almudena Puente será unha das relatoras da mesa redonda

A Asamblea Feminista de Vilalba celebra hoxe, ás 21.15 horas no Centro Cultural e Recreativo, unha mesa redonda sobre o papel da muller no deporte.

A entidade, que realizou diferentes actividades no primeiro ano dende a súa constitución, continúa con esta proposta coa que pretende "falar do papel que se lle asigna culturalmente á muller nun mundo maioritariamente de homes".

Na mesa redonda participarán varias mulleres. A primeira delas será Beatriz Puente Mouriz, xogadora e presidenta do equipo de fútbol sala lucense Lieders Futsal. Esta moza xogou oito tempadas no FSF lucense, que agora preside, e no SCD Milagrosa dende o 2009, esta última campaña na Segunda División Nacional. Tamén foi xogadora na Liga Provincial de Baloncesto, no AX Sagrado Corazón, onde compartiu vestiario coa súa irmá, a segunda das relatoras deste encontro.

Almudena Puente é xogadora do CB Sarria e adestradora de base en Lugo. Estivo na selección galega sénior no 2011, e tamén nos Maristas da Coruña.

A terceira das ponentes será Fina Seco, cinturón negro de taekwondo e actualmente xerente do ximnasio Jansu de Vilalba e instrutora de diferentes actividades deportivas.

Finalmente, a actividade organizada pola Asamblea Feminista da capital chairega, contará coa presenza de Nicole Maroño Fontenla, bicampeona de España de remo. Comezou neste deporte con doce anos, competindo a nivel nacional dende o 2010. Foi nomeada mellor patrona da Liga polo CDM Mera e actualmente é remeira no clube de Ferrol.

A directiva da asamblea pide a maior asistencia posible "nun intento de escoitar experiencias moi enriquecedoras e tomar conciencia da discriminación que seguimos a sofrir as mulleres", subliñan.

Comentarios