Arxentino da Rocha e as outras emigracións

Algunha vez comentei xa a sensación que me producían programas do tipo ‘Galegos -e outros xentilicios- no mundo’ ao mostraren fermosos percorridos turísticos guiados por unha emigración triunfante. Os ‘cicerone’ adoitan ser propietarios de mansións nos barrios máis selectos e clientes habituais de restaurantes exclusivos, profesionais de sectores diversos instalados, tamén con éxito, no país e algún que outro investigador cuxo discurso non disente do dos anteriores a non ser talvez por un maior grao de inquedanza. En calquera caso, as persoas ás que a crise bateu con forza en terra allea, as que sobreviven mal que ben o día a día, as que fracasaron ou as que escolleron camiños menos ortodoxos quedan á marxe do foco das cámaras.

Volvín pensar estes días nesa visión simplista da diáspora logo da lectura dun libro verdadeiramente sorprendente, ‘O gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte’. A obra, da autoría de Irene e Rodrigo Pérez Pintos, achéganos a figura deste ourensán de Xunqueira de Ambía que iniciou o seu soño americano viaxando como polisón a Bos Aires e que acabou desempeñando os oficios máis variopintos, desde bailarín de tangos até pescador, pasando por ‘truchimán’ ou ‘seringueiro’ nas explotacións do caucho, na capital arxentina, en Barcelona, na Amazonia, en París, en Caracas ou en Cuba. Alén de tan dispares oficios, a súa biografía está marcada polo compromiso político, que o fixo partícipe de revoltas sindicais e loitas antifascistas. O gusto pola aventura e o don da oportunidade guiaron a biografía do ourensán e propiciaron o encontro con personaxes igualmente diversos, entre os que figuran o galego Alfonso Braña, o rei mítico dos xíbaros, Eduardo Blanco Amor, Vicente Risco, Rafael Dieste, Buñuel ou Hemingway.

A biografía de Arxentino da Rocha mostra unha faciana ben descoñecida da diáspora galega, non só pola súa traxectoria singular, senón pola de moitos dos que canda el aparecen retratados. A realidade que no libro se nos describe afástase tamén desa visión edulcorada e turística que da emigración se está a difundir desde hai uns anos nos medios de comunicación. Á vida do ourensán segue unha pequena catalogación do que foi un dos seus principais legados, a colección de pezas recollidas aquí e acolá ao longo da vida coa finalidade de exhibilas nun museo. Do proxecto, truncado polo golpe de estado de 1936, móstranse descricións, fotografías e fichas explicativas de moitas das pezas, que seducirán sen dúbida a persoas curiosas e soñadoras: o mandil ensanguentado de María Pita, a falanxe de Inés de Castro, a vasoira voadora de María Soliño, excremento de biosbardo, campás curativas do Tíbet ou batuta de ‘jacarandá’ da Bahía chapada en ouro. Tales foron as dimensións da curiosidade de Arxentino da Rocha.

Comentarios