Argentina

QUÉDANME un cento de países por visitar e poucos ou ningún me atraen máis cá Arxentina. Como todos os amores inesquecibeis, o meu por este país comezou na xuventude (non direi adolescencia). Andaba eu fuchicando no tema do baloncesto na Montaña cando dende a capital mandaron un adestrador novo para o club. Vinte minutos despois de coñecernos, tivemos un rito de paso iniciático difícil de esquecer: cruzamos unha rotonda polo medio. Non é que José Luis fose un émulo de Fangio senón que aquel trebello -non ousaría chamarlle coche- frenaba menos ca miña bicicleta. Apadrinoume e, máis que baloncesto, tiven un curso acelerado de arxentinismo cos seus modismos, a filosofía lunfarda e a paixón por Boca. Súmese a miña devoción por Andrés Calamaro e Julio Cortázar e temos un amante da Arxentina ao outro lado do charco.

'Historia mínima de Argentina', de Pablo Yankelevich (coord.) Pero, aínda que poda semellar paradoxal, é máis sinxelo achegarse á cultura dun país cá súa historia. Á fin e ao cabo, Borges é universal Perón; -por sorte-, non. Xa que logo, para mergullarse nos asuntos históricos convén comezar con pouco e ir amodiño. A editorial Turner facilita ambos obxectivos coa súa ‘Historia mínima de Argentina’ enmarcada nunha colección de obras sintéticas sobre temas amplos que ofrece rigurosidade mesturada cunha certa brevidade despoxada de artificios e excesos nas datas e explicacións. Son oito ensaios que mesmo se poden ler de xeito independente, un chisco a salto de mata.

Os países estranxeiros, en certo modo, son como as persoas: unha cousa é o que eles son e outra a imaxe que transmiten. Nas últimas décadas un campo léxico asociado a Arxentina tería bastantes connotacións negativas: Maradona (non, non é positivo), corralito, ditadura, Messi, kirchnerismo, Evita Perón... Non atopo mellor forma de resumilo que citando a Calamaro: «Cuidado con las palabras que terminan con -ina [...] guillotina, anfetamina...» A imaxe non pode ser demasiado positiva a pesares do contrapeso que poñerían os autores xa citados máis Pizarnik, Roberto Fonranarrosa, Mario Bunge ou o incomparábel Quino.

O que sucede é que os estranxeiros non só simplificamos nomes e etiquetas senón, por exemplo, imaxes xeográficas. Un asocia Arxentina a Bos Aires, alimentado tamén polas historias sobre a ‘quinta provincia’ e a importancia da cidade para os galegos emigrados e viceversa. En realidade, e como demostran os autores da obra, as relacións entre a capital federal e os estados sempre foron moi tirantes e estiveron cheas de intervencións que agora mesmo considerariamos, en España, case que golpistas. Malia a opción de saltar de época en época, comezar pola prehistoria ten algo de pedagoxía neste caso, xa que Arxentina non naceu na beira do Atlántico senón nas estribacións dos Andes e no altiplano, na Puna e en Salta, no territorio que ocupaban tribos coma os comechingones, caníbales e terror dos españois.

Dende 1992 é difícil facer valoracións equilibradas sobre o legado dos españois. Os autores evitan tal cousa dende o punto de vista dun axuste de contas con atraso, á marxe da obvia e necesaria descrición de institucións como a mita ou a encomenda, opostas en canto a benestar para os indíxenas ás misións xesuítas. Suponse que baixo posicións máis belixerantes poderían ser acusados de ser morixerados de máis. Porén, dende o punto de vista dun lector español coñecedor do terríbel custo do ‘descubrimento’, non é unha obra coma esta, ‘mínima’ o lugar onde reclamar o peso da memoria.

Os séculos XIX e XX foron ‘longos’ na Arxentina, cargados de acontecementos non sempre comprensibeis. O goberno pasou de caudillos coma Rosas a intelectuais coma Sarmiento, de homes de pobo coma Yrigoyen a populistas sincréticos coma Perón (coa taumatúrxica excrecencia de Eva Duarte). Todo isto rodeado de espadóns, fascistas -quizais Arxentina foi o país do Cono Sur máis vulnerábel a este fenómeno- e a permanente loita entre o pobo e as elites... Unha loita, que malia todo, non podemos dicir que rematase, xa que os voitres aínda rodean ao pobo arxentino, agora en forma de elites internacionais enfrontadas ao belo Kicillof, paradigma do arxentino do século XXI.

Historia mínima de Argentina
Pablo Yankelevich (coordinador)

Editorial Turner

Páxinas 396 Prezo 14.90 €

(Publicado na edición impresa o 13 de setembro de 2014)

Comentarios