Arturo Mogo: ''Moitas veces tes que deixar aparcada a sensibilidade no mar inhumano do diario vivir''

Arturo Mogo.
photo_camera Arturo Mogo.

Funcionario de profesión e literato de vocación, o valadourense, afincado en Ribadeo, Arturo Mogo vén de gañar un premio nun concurso de cartas de amor.

No programa luar , da Televisión de Galicia, recolleu das mans de Xosé Ramón Gayoso un premio poético. «Era a década dos 90», coma lembra este valodourense, cuxo talento lle valeu outros galardóns literarios na súa vila de acollida, Ribadeo. Cervo rendéuse tamén á pluma deste colaborador do semanario La Comarca del Eo ó concederlle o premio do certame de cartas de amor de San Valentín deste ano.

De que tratou o poema ‘Nostalxia’ co que gañou unha cea?

Agocha un atolado namoramento no que, logo, ela, desprovista xa da paixón de amar, termina a sentimental relación. El, envolto na tristeza da ausencia do ser querido, suplícalle que volva para encher a súa vida de sentido.

Que o animou a presentarse?

A presentarme encirroume a miña grande afección por todo canto cheira a escritura, non só poética, senón de prosa e narrativa.

Que concepto ten da poesía?

A poesía supón arroxar ao exterior as pingas de sensibilidade que esculpen as entrañas da persoa humana; aínda que, moitas veces, na vida cotiá, tes que deixar aparcado calquer manifesto de sensibilidade para somerxerte nese mar consumista, antiespiritual e inhumano que che ofrece a subsistencia do diario vivir.

O seu libro ‘Contos dun ribadense: Desiderio Palazón’ está a ter éxito nas librerías, de que trata?

Nel recollo as disparatadas e mentireiras aventuras vividas polo veciño Palazón, que foi un personaxe moi particular e popular nesta vila ribadense onde o nordés peta bravo.

Comentarios