Artesanía con conciencia

Manu Taboada e Sara Seijas son os creadores da Chintofanería, un proxecto asentado en Pol, dende onde crean xogos de inxenio, títeres e monicreques, boinas ou xabóns con la
Sara Seijas e Manu Taboada.
photo_camera Sara Seijas e Manu Taboada.

Tiñan claro que querían vivir no rural e traballar coas súas mans. E hai tres anos instaláronse na parroquia de Lea, de onde é natural ela, e puxeron en marcha A Chintofanería, un proxecto de artesanía con conciencia, que defende o consumo responsable.

Sara Seijas e Manu Taboada, de Barcia, en Lalín, empezaron con xogos de inxenio en madeira e foron ampliando os seus deseños nun abano que abarca hoxe títeres e monicreques, boinas e sombreiros, xabóns recubertos de la, pequenos cadros en miniatura que están sendo un dos grandes reclamos, e todo tipo de chintófanos.

«Acabóuseme o traballo. Estabamos en Santiago. Eu fun a estudar animación sociocultural e Manu estaba facendo educación social e non lle gustaba a forma na que se impartía e decidimos vir para aquí», di unha defensora do rural. «Ten tódolos beneficios: o acceso ao material para a artesanía, o trato coa xente máis enriquecedor, a horta... Nunha cidade todo é moito máis caótico e impersoal», apuntan.

«Fusionamos a artesanía, que era o que nos daba de comer, co que sabiamos facer -realizan como complemento actividades extraescolares-. De momento estamos despegando, pero imos en serio. Depende das necesidades que ti teñas, pero co tempo pódese vivir disto», explican dous artesáns que participan en feiras e en festivais no verán e que acaban de abrir «unha porta xenial, porque o inverno é ‘durillo’» cun punto de venda nunha tenda de Lugo. Tamén teñen un blog e perfil en Facebook, fiestras que lles axudan a darse a coñecer xunto co boca a boca.

Pero estean onde estean, defenden «unha artesanía responsable, con materiais de proximidade», que inclúe aproveitamento de podas de castiñeiros ou nogueiras, toxos e a reciclaxe de diversas madeiras. «Hoxe desvalorízase a artesanía con materiais de fóra e pónselle o cartaz a cousas que non o son», critican, e falan do comercio de proximidade e da garantía que dá o coñecer a xente.

«O mellor do noso traballo é o aliciente e a satisfacción persoal cando valoran o que fas», afirman entre la e xogos que escapan de plásticos e de pilas en busca dun camiño distinto á diversión.

No verán venden en feiras e festivais, conseguiron un punto de venda nunha tenda de Lugo e abriron un blog para darse a coñecer

Comentarios