Artesá por vocación

Jenifer Carballés, de Mosteiro, iniciouse no mundo da artesanía sendo apenas unha nena. Hoxe continúa a súa formación nunha afección que a apaixona e a «desestresa»
Jenifer Carballés, con algúns dos seus traballos
photo_camera Jenifer Carballés, con algúns dos seus traballos

Un cursiño promovido pola asociación de pais e nais do colexio Rosalía de Castro de Mosteiro, en Pol, fai máis de dez anos, foi a ocasión perfecta para que a moza Jenifer Carballés López se dese conta de que a artesanía e as manualidades eran a súa gran paixón.

Logo desas clases, e mentres cursaba os seus estudos no instituto de Meira, sempre se mantivo en contacto directo coa pintura e outras técnicas artísticas. «Un grupo de persoas decidimos contratar unha profesora para seguir aprendendo e aí xa descubrín que era un método desestresante boísimo», asegura Jenifer, que dende entón non pode pasar sen darlle ao pincel ou a calquera outra ferramenta.

De feito, estes días asiste a uns cursos organizados pola asociación Polka e a Deputación de Lugo, que se imparten na antiga escola de Cirio, e nos que está aprendendo encadernación e talla de madeira.

Pero sen dúbida, coa técnica coa que máis goza é co pirogravado, do que xa se pode dicir que é toda unha virtuosa. «Pinto madeira, cadros ao óleo, e fago pirogravado en cristal, xa que aínda non conseguín a ferramenta para facelo en madeira», recoñece.

Esta moza polense vén de poñer en marcha unha páxina de Facebook na que amosa as súas creacións e recibe encargas

Esta afección pola artesanía e a pintura estivo a pouco de converterse incluso na súa profesión. «Estiven a punto de ir a Salamanca estudar Belas Artes, pero ao final decanteime por maxisterio», explica Jenifer, que actualmente está a preparar oposicións, mentres busca un oco para seguir facendo o que máis lle gusta.

«Na casa dinme que se non pinto ou fago algo estou insoportable», di entre risas, mentres precisa que esta paixón a comparte coa súa nai, coa súa tía e cunha amiga que xa é como da familia.

Grazas á aposta da súa familia, e ás críticas construtivas dun curmán «que nos pon a andar a todas», Jenifer decidiu hai unhas semanas poñer en marcha unha páxina de Facebook e Instagram.

«Artesanías Jenifer é onde amoso todo o que fago, porque na casa xa non cabe máis», di cun sorriso, mentres espera darlle saída aos seus traballos grazas ás encargas. «E irei á próxima Feira de San Isidro», avanza esta moza emprendedora.

Comentarios