A artesá dos labores

Pilar Jartín leva toda a vida facendo gancho, calceta e ata bordados. Recoñece que é unha afección que a relaxa e coa que consegue facer deseños «únicos e exclusivos»
Pilar Jartín na súa librería de Meira, con algunhas das pezas que deseña
photo_camera Pilar Jartín na súa librería de Meira, con algunhas das pezas que deseña

Calceta, bordado ou gancho. Diferentes técnicas e a mesma destreza. Así se podería resumir o que fai a meirega Pilar Jartín Abraira, coñecida na volta por impartir cursos en varios concellos e confeccionar pezas únicas.

«Con 20 anos xa empecei a dedicarme aos labores, e hai algo máis de dez a impartir cursos e a a expoñer os meus traballos», explica Pilar, que aínda que este ano por cuestións de tempo non pode participar en ningún obradoiro, xa o fixo anteriormente na Pastoriza, en Pol e mesmo en Meira, onde reside e ten unha librería.

Precisamente os tempos mortos no seu negocio son os que lle permiten seguir dando un punto tras outro. «A librería non é coma unha carnicería. Aquí podes vender un periódico, logo facer unha fotocopia, pero hai moito tempo polo medio para dedicarme ao que máis me gusta», conta esta artista.

No escaparate do seu establecemento ás veces tamén hai expostas algunhas das súas pezas, para alegría dos seus clientes. «É un xeito de que coñezan o que fago, e din que lles gusta», comenta, mentres resume cales son as súas especialidades.

Esta veciña de Meira dá a coñecer as súas pezas no escaparate da súa librería e tamén a través dun blog

«De gancho e calceta fago todo tipo de prendas de roupa e tamén detalles para a casa, coma colchas, coxíns... E os bordados xa son pezas máis delicadas», resume Pilar, que das obras que máis orgullosa se sente son dos mantos que bordou para a virxe de Rioxoán (Pol), a das Dores de Meira e para o cristo da Confraría do Pedregal.

Estas e outras pezas deseñadas ao largo dos últimos anos, ademais de engalanar o seu escaparate, tamén se poden coñecer a través da rede, no blog que lle crearon as súas fillas: bordadospilarjartin.blogspot.com.es.

«Chamáronme de Cataluña e ata de Arxentina para preguntarme se lles facía algún mantel para unha igrexa», conta emocionada Pilar, que por falta de tempo decidiu adicarse só ás peticións máis próximas.

De feito, unha das peculiaridades dos seus detalles é que son «únicos», tal e como ela os cualifica. «Non me gusta facer encargas nin copiar. As cousas saen da miña cabeza, son modelos exclusivos», recalca.

Comentarios