jueves. 04.06.2020 |
El tiempo
jueves. 04.06.2020
El tiempo

Artemio e François

"Cando estaba nunha libraría da outra punta de España este verán e vin o 'Século de Luis XIV' encol dunha mesa, sufrín unha experiencia magdaleniense proustiana e decidín que tiña que mergullarme nela

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

ACABABA DE rematar a carreira e tiven a mala idea de facer un doutoramento. Mala porque eu non sabía que era unha condena a paro ou emigración, a elixir. Á hora de elixir os cursos optei polos do meu interese, a literatura comparada e a crítica, ata que a profesora Fontela cortou: "O de Artemio é imprescindíbel". "Autoridade e identidade na Historia Literaria".... Presenteime nun deses corredores de calor abafante de Filoloxía e acabamos nun seminario pequeno. Apareceu Artemio Lándoas. Dúas horas despois, no descanso, alí estaba eu coa boca aberta: levo case que once anos agardando a que alguén me volva facer sentir esa impresión intelectual. 

Ao mellor mesturo temas —son un desastre para gardar apuntamentos—, pero naquelas horas falamos, entre outros, de Barthes, Racine, Koseleck, Ginzburg e Voltaire. O Voltaire historiador, co seu Século de Luis XIV. Por iso cando estaba nunha libraría da outra punta de España este verán e vin esta obra encol dunha mesa, ben á vista, sufrín unha experiencia magdaleniense proustiana e decidín que tiña que mergullarme nela.

Voltaire é un autor agradábel porque a posteridade ignorou a meirande parte das súas obras e as que quedan non só interesantes senón divertidas. Véxanse Cándido ou Micromegas —que deu tópico para un lendario discurso do Beiras contra Fraga— e o seu Dicionario Filosófico. Coa súa obra sobre Luís XIV e o seu século inaugurou toda unha forma de facer historia, atenta aos contextos e aos costumes e que aínda se pode ler con aproveitamento nunha tarde de verán.

Ben, pódese ler se o permite unha boa tradución ou un sabe francés. Eu estou no segundo grupo pero o deber chamábame a optar pola primeira opción na edición que vén de publicar a editorial Biblok. Debín sospeitar de tan estraño nome, pero se chegara á mellor libraría de España e non había outra posibilidade á man habería que confiar. En realidade é un libro máis perpetrado que editado, con numerosas erratas e unha continua confusión acentual entre as palabras ‘Conde’ e ‘Condé’ que podería poñer dos nervios ao máis pintado. Sorte teñen editor e tradutor de que Voltaire pasase a mellor vida hai séculos: tal desfeita levaríalles a ter caído na pluma do señor de Ferney e de alí non ían saír con ben.

A pesares de enfrontarme a un atentado cultural por escrito, decidín seguir adiante. Primeiro, porque un debe volver aos lugares onde foi feliz e da man de Voltaire regresaba eu a Compostela, con Artemio e os meus amigos —a meirande parte deles no estranxeiro, por certo—; segundo, porque o século de Luís XIV foi verdadeiramente digno de historiarse, hipérboles volterianas á parte. Na Fronda atopei a Mazarino e ao cardeal de Retz —cuxas memorias son deliciosas—; nas guerras contra España de 1640 ao príncipe de Condé cambiando de bando, de Rocroi ás Dunas; nos gabinetes a Colbert e Fouquet, os dous políticos máis interesantes da Idade Moderna en Europa; na Guerra de Sucesión a Mambrú e outros; e para rematar a historia, ese capítulo extravagante: "Disputas sobre as cerimonias chinesas que contribuíron a proscribir o cristianismo na China".

Dedico boa parte do meu tempo a traducir, unha tarefa tan apaixoante como complexa... Xa saben aquelo do tradutor e o traidor. Para min traducir é tratar con agarimo un libro, sumalo ao noso mundo cultural. A opción de maltratar unha obra non aparece neste esquema de cousas. Pouco se traduce en España, porén normalmente ben. Pero os mediadores non nos podemos descoidar un intre se non queremos co noso patrimonio cultural sufra meirandes danos.

Artemio e François
Comentarios