Arte nas pequenas cousas

Pilar e Bea Canto, tía e sobriña, puxeron en marcha hai tres anos Canto’s Artesanía, un proxecto co que dan renda solta á súa creatividade coa técnica do gancho
Pilar e Bea Canto, con algúns dos seus traballos
photo_camera Pilar e Bea Canto, con algúns dos seus traballos

«Investir as túas horas libres facendo algo que che gusta e ter a satisfacción de que á xente tamén lle gusta o que fas». Así é como resume Pilar Canto o proxecto que ten entre as mans xunto coa súa sobriña Bea Canto, ambas de Castro de Rei, coa que puxo en marcha hai tres anos Canto’s Artesanía, unha iniciativa coa que dan renda solta a unha afección e á súa creatividade.

A amante do gancho foi sempre Pilar, «desde pequena», aínda que facendo cousas máis clásicas. Pouco a pouco foise iniciando no mundo dos amigurumis -bonecos ou figuras feitas con esta técnica-, os cales facía nos momentos de ocio e expoñía no seu salón de peiteado. «De telos alí expostos, as clientas empezaron a pedilos e chegou un punto no que necesitaba axuda e aí uníuseme Bea», relata.

Entre os encargos que máis lles fan, destacan «moitísimo» os chaveiros. «Déronse conta de que non raian o coche e que se atopan moi ben no bolso», aseguran. Aínda que as peticións para facer regalos tamén son numerosas.

«Moita xente compra as cousas que facemos porque son detalles únicos, polo que moitos son para regalar. Tamén fixemos algún detalle de bautizo e para unha voda», explica Bea, ao que Pilar engade «o da voda foi o máis laborioso que fixemos, foron 90 moedeiros e pedimos auxilio á miña nai, era como unha cadea», asegura entre risas.

Bonecos pequenos representando distintas profesións ou figuras tan pouco habituais como unha moto, un xabarín, un cervo ou incluso unha anguía mestúranse con personaxes infantís ou adornos como pendentes ou diademas. «Todo o que nos piden, miramos de compracelos», afirman, ao tempo que Bea descarga sobre Pilar toda a responsabilidade creativa. «Sabe sacar o patrón de calquera cousa», apunta.

«Ganchillamos nos tempos libres, cada unha ten o seu traballo, pero é unha afección. Queres ganchillar cousas novas ou intentar figuras que ves. Nunca nos paramos a pensar en canto nos sae o traballo, pero non dá para dedicarse só a isto. É unha maneira de pasar o tempo», aseguran, satisfeitas de saber que os seus traballos «están desperdigados por España» e incluso traspasan fronteiras.

Comentarios