Arredor do inglés da alcaldesa

DESCOÑEZO se o inglés de Ana Botella perante o COI foi regular, malo ou pésimo, pola sinxela razón de que eu non sei inglés. O certo é que lle poñía moita intención, tanta que, se eu tivese os ollos cerrados, pensaría nunha televendedora anglófona de estraño acento a ponderar as vantaxes dalgún produto. En todo caso, poderíanselle criticar a música e a letra, entendendo por esta o contido, mais non o nivel lingüístico. En ningures está escrita a obriga de dominar unha lingua que non sexa a propia.

Ben sei que é moi importante, imprescindíbel na maioría dos ámbitos, falar varios idiomas, mais as miñas reflexións van por outros vieiros.

En primeiro lugar, que o que sería imperdoábel a ese nivel nunha persoa nova, explícase nas de certa idade. As xentes da miña (Ana Botella non se afasta moito) tivemos, en xeral, unha pésima formación en linguas estranxeiras polo predominio da teoría gramatical fronte ao enfoque comunicativo e a inmersión (iso que moitos vituperan para o galego sen saber ben de que se trata). Aprendiamos case sempre francés, restras de verbos e vocabulario descontextualizado sen moita máis utilidade que a de superar, se cadra con nota, un exame a teor do método de ensino. Porén, a alcaldesa de Madrid estudou nas Madres Irlandesas que, se honraban a súa orixe, privilexiarían a lingua da fundadora, Mary Ward. Mais esa tampouco é a cuestión.

A cuestión é a falta de bilateralidade, porque boa parte dos que teñen por lingua materna o inglés non senten a necesidade de aprender outros idiomas xa que, sendo a deles a considerada franca, boa barriga lles doe, por dicilo dun xeito coloquial.

Tamén que, en contra do que sería de agardar, o coñecemento do inglés non sempre supón o da cultura que se xerou nesa lingua. Dito doutro xeito, moitos anglofalantes dificilmente darán noticia, por exemplo, da obra de Shakespeare ou da poesía de Keats. En contraposición con isto, mesmo coa eiva de non poder lelos na lingua en que se produciron, sonlles familiares ás persoas ilustradas.

E o pailanismo que esixe perfección nunha lingua estranxeira mentres descoida a que ten por propia: ‘delante mío’, exproceso’ e outras moitas ‘perlas ’. O mesmo pailanismo que nos leva, no caso de Galiza, a gabarnos de descoñecer a lingua que naceu aquí.

Por último, a cuestión é o maltrato que lle damos ao noso cando o substituímos polo alleo. Velaí unha pequena mostra: ‘casual ’ en inglés significa informal e aplícase a un xeito de vestir. Agora (véxanse revistas de moda) emprégase aquí coa mesma intención, mais o certo é que o dicionario e o uso din outra cousa.

Comentarios