Arre demo!

É MOI COÑECIDA, por repetida, unha sonada discusión sostida nun debate  no parlamento británico da época victoriana, e que exemplifica a dureza das discusións na cámara lexislativa, mais baixo unha envoltura de elegancia e enxeño. Os protagonistas eran Willian Gladstone e Benjanin Disraeli. Ambos foron primeiros ministros en varias ocasións, pero ocupando o cargo o segundo pronunciou a sonada frase relativa a que seria un contratempo que o señor Gladstone caera ao rio Támesis, pero que alguén se atrevera a rescatalo constituiria unha desgraza. Pero falando de tirapuxas políticas, fóra do ámbito parlamentar e dando unha radical virada de temón, estes dias os medios fixéronse eco dunha frase captada á presidenta da Comunidade de Madrid quen, obviamente situada a unha distancia sideral de aqueles estadistas, domina perfectamente o idioma inglés, algo que agora tanto se valora, ainda que tal coñecimento non sexa garante das virtudes que antes sinalamos como definitorias dos próceres públicos aos que aludimos. O caso é que a rebuldeira presidenta calificou de 'fillo de puta' a un conselleiro de Caixa Madrid, preterido a costa de outro próximo a Izquierda Unida; ou sexa que foi discriminado alguén afecto a unha das taifas madrileñas do seu propio partido.

Sabido é que dentro da imensa e variada panoplia de aldraxes a disposición dos usuarios, os de uso máis frecuente son aqueles que teñen relación coa sexualidade. Quizais esa popularidade foi determinante na escolla realizada pola señora Aguirre, pois que mesmo para as frases que denotan sorpresa ou asombro, non escapa de tan ricaz eido. Polas mesmas datas, perante a información que lle fornece un dos seus colaboradores, exclama: "Acojonante!". Obviamente a señora presidenta da Comunidade de Madrid, sen dúbida versada no estudo dos apelativos na lingua coloquial, opta polo mais habitual e contundente. Con todo, cabe obxectar que sen perder nen chisco de tal carácter, a primeira das frases poderia ser substituida por 'fillo das herbas', ou 'fillo de tras da silveira', ou mesmo 'fillo de peta na porta', que ven sendo o mesmo; e o adxectivo malsoante cambiado por outro máis acaído, como asombroso, sorprendente, inaudito, etc.

Pero xa se sabe que cada persoaxe vai formando a sua biografia a través das circunstancias, naturalmente,  mais tamén da  propia escolla e aportacións. E de aí o tópico e a caricatura á que a veces compre serlles fidel. Se ao falar dun compañeiro da Sra. Aguirre, con quen esta seica non leva moi ben, como é o alcalde da capital do reino, lle apuxéramos tal vocabulario ninguén o creeria, pero se afirmáramos que no canto de 'acojonante' o señor Gallardón espetou un estrondante 'cáspita!', quizais resultase verosímil, tanto polo medido xeito de se pronunciar como por certa fachenda que o acompaña, ainda que un tanto demodé. No noso idioma a mesma interxección poderia traducirse por 'recoiro', ou 'arre demo', ou mesmo 'manda carallo'.

Comentarios