Arrancan as obras para adecentar o entorno do auditorio chantadino

As actuacións permitirán pechar un proxecto que se iniciou no ano 2011, programado por fases e que finalmente saiu adiante con tres anos de atraso sobre as primeiras previsións
A maquinaria pesada comezou a traballar no exterior do auditorio
photo_camera A maquinaria pesada comezou a traballar no exterior do auditorio

O Concello de Chantada iniciou as obras para adecentar o entorno do edificio multiusos da vila do Asma, no que se ubican o auditorio, a casa da música e outros servizos municipais. A obra permitirá poñerlle fin a un dos proxectos máis ambiciosos que se fixeron en Chantada nos últimos tempos e que acumulou tres anos de atrasos.

Estes últimos traballos, centrados no exterior do inmoble, financiaranse con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación de Lugo, permitirán actuar nas inmediacións do auditorio e tamén rematar o vial que comunica a Avenida de Monforte co barrio do Bon Xesús. A partida para as dúas obras suma un total de 55.000 euros. Desa cifra o Concello asume 37.400 euros e a Deputación de Lugo, 17.666 euros.

No entorno do auditorio está previsto derrubar un muro, rebaixar o acceso para dar servizo a unha porta da planta baixa, axardinar unha zona de terra e pavimentar o resto do entorno cun material que segue a liña da pizarra empregada nas fachadas do auditorio.

Cando rematen os traballos o artista Abrahan Cornide fará un mural para decorar a área. A iniciativa corre a cargo do consorcio de turismo da Ribeira Sacra e está incluída nun programa no que se pretenden resaltar os espazos públicos con pinturas inspiradas no patrimonio natural e monumental de toda a comarca. Abraham Cornide xa se encargou doutros murais feitos en Carballedo e Taboada.

O vial que une a Avenida de Monforte coa Praza do Bon Xesús foi reparado recentemente. En fases anteriores creáronse as aceras e colocouse o alumeado e, con cargo aos fondos do POS, agora dotarase dunha nova capa de rodadura.

ANTECEDENTES. O edificio que alberga o auditorio e a casa da música suma unha longa traxectoria de atrasos. Primeiro fíxose a casa da música con 550.000 euros de fondos estatais. As obras do auditorio comezaron no 2011 con un presuposto da Deputación Provincial de 900.000 euros e un prazo de execución de sete meses.

Esa previsión non se cumpriu e, por exemplo, o mobiliario non se licitou ata xuño do ano 2014. Despois de varios problemas coa primeira empresa adxudicataria houbo que convocar un segundo proceso. Entón, o mobiliario chegou ao complexo en febreiro deste ano, con tres anos de atraso sobre a previsión inicial de apertura do servizo.

Nos últimos meses houbo algunha actuación no auditorio, pero non se inaugurou de xeito oficial porque faltaba adecentar o exterior, traballos que xa levan tempo licitados e que arrancaron estes días.

A construción do auditorio e da casa da música forman parte inicialmente dun proxecto máis ambicioso, programado en distintas fases que incluía levantar ao carón do auditorio unha nova casa consistorial. Esa fase só se proxectou na documentación inicial e, polo de agora, non ten nin presupostos nin prazos.

Actualmente a actividade municipal repártese entre o vello consistorio, onde están os funcionarios e a maior parte das oficinas, e a casa da cultura, que acolle o salón no que se celebran as sesións plenarias.

Comentarios