A arquitectura milagrosa

Un libro de Llàtzer Moix con este título analiza algunhas das grandes obras arquitectónicas realizadas durante os últimos anos co fin sobre todo de ser singulares antes mesmo que funcionais. O fenómeno produciuse en numerosos países. Nalgúns casos como en Dubai os delirios de grandeza levaron a construír grandes edificios de deseño, pistas de esquí á beira do deserto ou illas artificiais con forma de mapamundi, que provocaron a súa crise financeira a finais do ano pasado.

En España o fenómeno tivo un volume e relevancia especiais, ao ir inmerso no boom da construción. Moitas destas grandes obras foron públicas, aínda que non faltou tampouco a ostentación por parte de grandes grupos financeiros e mesmo polo sector das adegas, sobre todo na Rioxa, co encargo de edificios singulares. Pero o problema céntrase sobre todo na xestión das obras públicas realizadas ás veces sen os necesarios estudos previos, con orzamentos moi elevados, de difícil execución e mantemento custoso, que absorberon uns recursos que deberían ter outros destinos e provocaron ademais un aumento da débeda.

Sostén o autor do libro que ante as obras realizadas desde finais dos oitenta en Barcelona para as Olimpíadas, en Sevilla para a Expo ou en Madrid para a súa capitalidade cultural, así como co éxito alcanzado en Bilbao co museo Guggenheim, outras cidades de primeira liña tiveron a sensación de que se lles escapaba o tren da historia. E empezaron a idear proxectos de transformación nos que a arquitectura e o urbanismo eran os elementos básicos.

Deste xeito comezaron a realizarse algúns destes grandes proxectos encargados a arquitectos de renome internacional. Entre os casos analizados hai dous moi singulares polo volume e importe das obras que mesmo toman o apelativo grandilocuente de cidades. O primeiro é o da Cidade das Artes e as Ciencias en Valencia e o segundo o da Cidade da Cultura en Santiago, ao que lle dedicaremos o artigo da semana que vén.

A Cidade das Artes e as Ciencias, en Valencia tiña un orzamento inicial duns 175 millóns de euros a comezos dos anos noventa, pero a finais de 2007 xa se gastaran uns 1.140 millóns de euros.

Parecía coma se os promotores cresen que estas obras singulares ían pór ás súas cidades no mapa, atraer a un gran número de turistas e xerar diñeiro para as súas arcas, o que xustifica o título do libro.

Este fenómeno podería falecer de morte natural cando todas as cidades tivesen as súas obras coas que distinguirse ou xa carecese de sentido construír outras novas por non ser posible diferenciarse por esta vía. Pero a crise económica parece adiantar este final, posto que obrigou a reducir ou atrasar algunhas promocións en marcha ou a abortar outras en proxecto.

Non se trata de limitar a experimentación ou a innovación, pero si de pór limitación ao malgaste e de recuperar a proporción entre a necesidade e o prezo das obras públicas.

Comentarios