Arquitectura estatal

mulando ao Cid Campeador, que gañou batallas despois de morrer, a señora expresidenta da Comunidade de Madrid, ao irromper na discusión sobre a posibilidade de que Cataluña convoque un referendo, deixa patente que o seu óbito político está ainda moi distante. A dimisión foi apenas unha cesura, pero compre agardar polo hemistiquio subseguinte. Perpetuarse nunha administración cuxo futuro é xestionar a escaseza, non é o seu. Continúa, pois, coa adarga ao brazo e a lanza en ristre, por seguir os sonados versos do poeta. Claro que unha cousa é a poética e outra a historia, mesmo cando ambas e duas se poñen ao servizo da política.

Dona Esperanza asegurou hai poucos días, que España tiña tres mil anos de historia, cando mil anos antes de Cristo non existía nen sequera a pedra, que logo se fixo famosa, por resultar agraciada coas deposicións líquidas do can de Viriato, sonado pastor lusitano, moi asociado senón coa historia, si cos historias hispanas, particularmente as escritas polos precursores do ministro señor Wert. Quizais a liberación do pesado cargo institucional, levou á señora Aguirre á lectura da ‘Ilíada’, ou da ‘Odisea’, obras certamente apaixoantes, por certo hoxe traducidas xa non ao catalán, senón ao galego, e editadas polo Consello da Cultura, na época da presidencia de don Ramón Piñeiro, dito sexa como dado ou aportación desconcertante, que algúns poideran tomar como cita provocativa, tendo en conta os tempos que pronostican as liñas estratéxicas dos ministros de Educación e do Interior. Con todo, igual de interesantes resultan os traballos sobre as investigacións levadas a cabo en Troia, polo sabio arqueólogo alemán Heinrich Schliemann. Velaí un verdadeiro manatío de información sobre os tres milenios que a señora Aguirre atribúe a España, se ben trabucando o lugar e o tempo. Como sigamos con este tipo de derivas e competicións históricas, iremos parar a Atapuerca para xustificar a raigame do propio Estado.

De certo o alporizamento subscitado pola convocatoria do plebiscito catalán, non son mais que os estertores dunha cuestión nunca resolta, pero que haberá que abordar avanzando nun deseño federalista do Estado. Non estaría de máis ler a Castelao, moi invocado, pero pouco coñecido. España foi un dos países que tiveron máis constitucións nun curto período de tempo: a de Baiona de 1805, a de Cádiz de 1812, a de 1845, a federal de 1873, a de 1876, a da segunda República en 1931. Califica a primeira de bonapartista e absolutista, inzada de ideas importadas a de Cádiz, reaccionaria e centralista a terceira, etc. Para o político de Rianxo, o que compre variar é a forma do Estado e algúns dos parágrafos dedicados ao asunto do que falamos, son hoxe dunha actualidade sorprendente, concretamente o recurso ás leis e normas provisionais ou de excepción, calificadas como as mais necesarias e permanentes, «Estas Leis non previstas polo Código fundamental e contrarias ao espíritu que o inspirou, son as únicas que funcionan permanentemente en Hespaña, porque tamén son permanentes os feitos que as orixinan». E conclue que xamais se asentará un réxime democrático sen unha estrutura federal do Estado. «O que compre variar -sentencia- non son as Constitucións, senón a forma do Estado».

Comentarios