Arde Lucus outra vez

NON TODO o que facemos ha de ter un porqué, abonda con que teña un para que. O ‘Arde Lucus responde a ambos. Comezarei por xustificar o segundo, xa que afirmei que o primeiro é prescindíbel, mais non renuncio tampouco a buscar ese porqué.

Para que Arde Lucus? Para que a xente viva unha festa que é, sobre todo, participación e non simple espectáculo. De aí, coido eu, lle vén o gran éxito. A quen se mete nun papel, a quen revive un tempo de ficción, neste caso pasado, acontécelle o mesmo que a quen canta que, como reza o aforismo, «o seu mal espanta». Se isto é preciso sempre, moito máis nos días que corren, pouco abertos á esperanza e non cerrados ao pesimismo. Festa, xa que logo, para a alegría que, como se sabe, é bastante máis rendíbel en todos os sentidos que a tristura.

Abondaría co que acabo de expresar no parágrafo anterior, pero aínda hai máis. Esta festa reactiva, mesmo que non falemos de grandes cifras, a economía da cidade. Porque a economía, estamos a aprendelo dolorosamente, é un mundo de sinerxías (sinerxía: acción de dúas ou máis causas cuxo efecto é maior que a suma dos efectos individuais). Dito con outras palabras, a nivel colectivo, os cartos multiplícanse cando circulan e, parados, van a menos.

Arde Lucus tamén para que nos decatemos de que temos unha historia propia e non precisamos travestirnos doutra cousa, por exemplo, a celebrar a Feira de Abril. E non me refiro a unha Feira de Abril impulsada por andaluces afastados da súa terra e da que fan partícipes aos veciños da que os acolle, senón a esa festa ‘enlatada’ por empresas que, como as feiras medievais, levan por toda España.

A historia á que me refiro ensínanos que Lugo é como os palimpsestos, eses manuscritos que foron borrados para volver a utilizar. Sucede ás veces que, entre a escrita nova, aparecen palabras da anterior. Do mesmo xeito na cidade actual, cando se fan obras, asoma a antiga urbe romana. Neste festexo provocamos nós ese emerxer, nun estimulante xogo de imaxinación, subvertendo as leis dos reloxos que non camiñan cara atrás.

Hai tres anos, concretamente o 18 de xuño de 2010, xa escribía neste mesmo lugar ponderando esta celebración. Expresaba o meu desexo de que se consolidase, buscase o seu camiño, os seus xeitos, a súa personalidade, e non fose clónica de ningunha outra. Coido que se está a conseguir.

Soñémonos, pois, os de aquí e os de fóra, poboadores dunha cidade ideal na que reinen a concordia, a prosperidade e a alegría. E, xa que do ‘Arde Lucus’ se trata, remato como cómpre, en latín, cunha petición amorosa á cidade : ‘Fac ut ardeat cor meum’ (Fai que arda o meu corazón).

Comentarios